"Sons Miudos" , o gran espectáculo da música infantil en Galicia, arranca en Santiago o 17 e 18 de outubro
“Sons miúdos” quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través dun espectáculo que consegue reunir enriba dun mesmo escenario aos máis importantes músicos e cantantes destes grupos galegos
Santiago de Compostela
A música galega está pasando por un excelente momento, pois conta na actualidade con grandes e variadas propostas entre as cales destacan as destinadas ao público máis pequeno. Tanto é así que se pode dicir que Galicia e o galego están á cabeza do Estado en canto á creación de música infantil grazas a grupos como Mamá Cabra, A nena e o grilo, María Fumaça ou cantantes como Pablo Díaz, Paco Nogueiras ou Xoán Curiel, creadores de propostas de altísima calidade que, ademais de ser didácticos e de facer un labor de normalización lingüística, tamén están logrando introducir ás nenas e nenos de Galicia no gusto pola música de diversos xéneros.
Tendo en conta todo isto, “Sons miúdos” quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través dun espectáculo que consegue reunir enriba dun mesmo escenario aos máis importantes músicos e cantantes destes grupos galegos. Conducido pola actriz Montse Piñón e o actor Pepablo Patiño irase fiando unha narración de xeito teatral que percorrerá a historia da música galega infantil dos últimos 15 anos a medida que se vai tocando unha lista de cancións escollida entre o repertorio dos e das cantantes colaboradores e tocada e cantada polos seus protagonistas.
Así pois, o espectáculo estará composto por unha banda base formada por un cuarteto musical que reúne aos mellores músicos dos grupos infantís, todos eles cunha importante traxectoria profesional. A isto hai que engadirlle a colaboración de seis cantantes dos máis afamados grupos así como a dos dous actores antes mencionados. En total, doce grandes artistas da cultura musical infantil, coñecidos por todo o público miúdo, nunha escenografía creada para a ocasión que vestirá de gala esta festa da música.
Este espectáculo está producido pola cooperativa Urdime, especializada en propostas culturais para o público infantil, e patrocinado por radio Galicia - Cadena Ser.
Sen dúbida, estamos ante o espectáculo de maior relevancia artística que se teña constatado en Galicia ata agora. Un espectáculo de gran formato deseñado para percorrer os principais teatros e auditorios de Galicia congregando os miles de fans da música miúda galega.
Podes mercar a tua entrada en Abanca entradas de forma dixital, ou de forma física, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.