Elecciones 23 de julio

Política
O blog de Henrique Rabuñal

Eleccións xerais en clave galega

Onte seguín os resultados electorais dunha maneira excepcional: con xente, falando e ouvindo e non tanto facendo zapping radiofónico e televisivo e embebedándome das análises do nutrido exército de sabios que predican aquí e acolá.

Debo recoñecer que os datos que máis me interesaban eran os referidos a Galiza no seu conxunto e de maneira especial ao concello da Coruña que leva medio ano cun goberno innovador.

A nivel galego a noticia da noite é que o PP perde 5 asentos no parlamento e uns 265.000 votos, o que permite albiscar nas autonómicas de 2016 todos os problemas do mundo para revalidar xa non a maioría absoluta no Hórreo senón mesmo a vitoria en votos e escanos nesas eleccións. Pero o presidente galego persiste en estar máis atento ao que acontece en Madrid que en asumir responsabilidades e ocuparse dos gravísimos problemas que ten Galiza.

En Marea configúrase con máis de 400.000 votos e 6 deputados como a forza política que é quen de competir e mesmo gañar nalgunhas prazas importantes ao PP. Se á esquerda do PSOE e fóra do bipartidismo había dúbidas sobre quen contaba co favor da cidadanía esas dúbidas disipáronse onte. En moitas vilas e principalmente na Galiza urbana. En Vigo logra un resultado espectacular, sendo a segunda forza das outras seis cidades. En Marea, reformulada ou reorientada, será desde xa a verdadeira alternativa que as persoas de esquerda terán ao seu dispor para derrotar as políticas reaccionarias do PP.

O PSOE que consegue no estado o peor resultado da súa historia xa non é visto pola cidadanía como alternativa e por iso descende ao terceiro posto da clasificación política. Perde 100.000 votos e os seus senadores aínda que mantén 6 escanos.

O BNG ao perder 115.000 votos desaparece do parlamento español porque ao parecer un labor parecido ao que desenvolveu durante 20 anos élle encomendado agora ao senador e aos deputados e deputadas de En Marea. Basicamente defender os dereitos nacionais de Galiza, a súa economía produtiva, a súa lingua e cultura e facelo ademais baixo a protección e visibilización que outorga un grupo parlamentar propio.

Que Ciudadanos teña un deputado é para nós sinal que esta democracia tamén é imperfecta. Prémiase con 145.000 votos a quen na campaña se agochou, a quen presumiu de non ter proxectos nin análises para o noso país, portándose ás veces como vulgares e silentes seareiros dun señor que ao parecer é moi alto, mozo e guapo. Pero que representa no fondo e nos contidos as políticas máis reaccionarias que un pode imaxinar.

Na cidade da Coruña, a miña lectura das eleccións é que o que significa a Marea Atlántica e o propio goberno municipal reciben un apoio moi masivo. Coruñesas e coruñesas ven á Marea e ás súas marcas electorais como o competidor para derrotar as políticas do PP castigadas nas urnas en maio. Mentres o PP na cidade perde 16.000 votantes e o PSOE 15.000, En Marea, a segunda forza política, ten case 46.000 votantes.

No ámbito español o bipartidismo fica reducido ao 50% ao perder 6.000.000 de votantes. Coa configuración do parlamento van ser horas de falar e de pactar para que naza un goberno que sexa coherente coas novas cámaras e a nova situación política. Os grupos nacionalistas cataláns (17 escanos) e vascos (8 escanos) terán moito que dicir neste escenario. Desexamos que Tone, Yolanda, Miguel Anxo, David, Alexandra, Ángela e José respondan á expectativa creada e configuren un grupo que defenda con razóns, con paixón e co apoio de moita xente un mellor país, Galiza, para todas. E que o resto de deputados, deputadas, senadores e senadoras que representan as circunscricións galegas tampouco esquezan ningún día da lexislatura que a primeira fidelidade debe ser para todos nós, galegas e galegos que aspiramos a vivir dignamente na nosa terra.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00