Ocio y cultura
Momento Coruñento

No ano de Manuel María

A Coruña

Non canta na Chá ninguén / Por iso meu carro canta / Canta o seu eixo tan ben / Que a señardade me espanta...

Por decisión da Academia Galega, xa estamos, 2016, no ano de Manuel María. Un artista tan extraordinario que conmociona dende o comezo a propia celebración do Día das Letras. Pois non é que a institución reivindique e poña en valor a súa obra. É que con esta efeméride o poeta da Terra Chá, como xa fixera en vida, devólvelle o prestixio a unha casa -rúa Tabernas, 11. que estaba en horas baixas: A propia Academia Galega.

Neste 2016 quero acudir, xa dende o comezo, a unha opción rotunda deste grandísimo mestre: A Coruña.

Coa súa dona Saleta, optou libremente por esta cidade para se converter nuns dos seus veciños máis ilustres. É moi fermoso honrar ao lugar onde se nace. E é proba de amor definitiva, elixir o entorno onde un desexa ser feliz e repartir felicidade até o fin dos seus días.

Como bo chairego, Manuel María, sempre tivo querenza coruñesa. Dende Outeiro de Rei, a nai traia os fillos tomar os baños a Riazor. Nos 50 achegábase todos os veráns, na compaña doutro poeta mozo, Uxío Novoneyra . Paraban primeiro en Betanzos. Alí participaban, e normalmente un dos dous gañaba, no certame poético dos Xogos Florais. Co montante do premio, financiaban un mes de estadía literaria na cidade.

Manuel María era entón o autor de "Muiñeiro de Brétemas" -o primeiro poemario en galego publicado por un autor novo despois da Guerra -, e acababa de pousar a semente que faría agromar un cosmos: o seu libro "Terra Chá".

No 57 fíxose procurador e marchou, con Saleta, a Monforte. "A Cruña ri encristalada" escribiu nos 70. Porque dende o val de Lemos sempre seguiu a soñar coa cidade. Até que no ano 94, tempo da xubilación, Saleta e mais el, convertéronse á fin nos nosos veciños. E co andar pousado da súa conversa o poeta iluminou estas rúas.

Lembro aquel pregón das festas de Monte-Alto, ano 99. Manuel María subiu ao escenario cun lote de folios, e principiou a ler a modiño. O público quedou absolutamente fascinado, até os cativos deixaron de xogar. No remate, entre aplausos, un vello festexeiro comentou, "este home volveu traer á Coruña a alegría da República !".

Alegría coruñesa pois. Feliz ano de Manuel María !

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00