Sociedad
O blog de Henrique Rabuñal

Marcas e espazos políticos

A Coruña

Todas as pezas do mapa político galego están axitadas cos ollos postos nas eleccións galegas que poden ser convocadas en calquera momento do ano que andamos. O panorama aparentemente non pode ser máis volátil e existe a sensación de que pode acontecer calquera cousa. Desde un adianto electoral a unha coincidencia coas eleccións españolas se se repiten. Desde unha severa derrota da actual maioría popular á presenza estelar de novos actores.

A estas alturas só coñecemos a candidata do BNG á presidencia da Xunta que vai coincidir coa voceira nacional saída da Asemblea da Coruña do pasado domingo, isto é, Ana Pontón Mondelo. A marca BNG enrócase na súa posición e parece correr os riscos dunha fuxida cara adiante que podería significar unha nova perda de efectivos e de forzas. Comezando pola do propio Carlos Aymerich, deputado nacionalista en Madrid e en Compostela durante moitos anos.

O Partido Popular atravesa o peor momento da súa historia, minimizado na súa capacidade de diálogo e iniciativa e sinalado por demasiadas evidencias como a marca da corrupción por excelencia. En Galiza ten un goberno de circunstancias e os malos resultados nas municipais e xerais parecen anunciar a perda da maioría absoluta no Hórreo que habería que sumar á perda de tres deputacións e dos gobernos municipais das cidades tamén coa excepción de Ourense. Por non ter non ten nin candidato confirmado e non lles será doado substituír a un Núñez Feijóo moi dado a xogar de farol na política española pero moi pouco enérxico na defensa dos intereses do noso país. Desde a lingua ao sector lácteo, desde a sanidade á educación, desde o mar a ENCE, a súa xestión non pode ser máis preocupante.

A marca PSOE, á marxe do que aconteza en Madrid, non vive os seus mellores días cun secretario xeral en Galiza que aínda non sabemos se poderá candidatarse. Salvou a proba das xerais pero é ben certo que sempre ofrece dúbidas á hora de practicar o mellor das políticas que promete. O pacto con Ciudadanos resulta a estes efectos sintomático.

Hai tamén na nosa opinión un espazo político alternativo a estas marcas aínda que con distancias variábeis cos partidos sistémicos do período autonómico. É un espazo que está a configurarse e que ten os problemas propios da diversidade de actores e a novidade que encerra a súa andaina. Non está exento de cometer erros e resulta un competidor incómodo para todos. A ese espazo pertence a iniciativa das chamadas Mareas en Común que se vén formulando nos encontros da Estrada, a Pobra e Lugo. Trátase de momento dun proceso aberto no que toman parte procesos municipalistas e que ten previsto aprobar en Ourense o próximo sábado os seus Principios Básicos. Pode ser o embrión e o punto de partida doutros documentos e accións que ofrezan á cidadanía galega un programa e unha metodoloxía participativa. E unha candidatura gañadora que aspira a ampliar os 400.000 votos conseguidos por En Marea hai dous meses.

O substantivo político destas décadas pode resumirse na palabra cambio. Como as palabras afortunadas é polisémica. Pode estar en boca de todos e de todas. Pode significar unha cousa e a contraria. Corresponde ao electorado galego nunha data aínda indeterminada decidir vistos os graves problemas que ten o país (demográficos, territoriais, económicos, sociais e culturais) a que cambio quere dar o seu apoio. Decidir se o novo ciclo político encetado nas municipais e continuado nas xerais chega tamén e en que medida á escala galega. Para resolvermos todas as dúbidas queda cada vez menos tempo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00