Sociedad
O blog de Henrique Rabuñal

Monge vs. Feijóo

A Coruña

É para nós unha honra e unha ledicia participar na presentación de libros como os de Manolo Monge sempre incómodos, rebeldes, prohibidos e certamente censurados. Libros didácticos, documentados e valentes, moi oportunos, que conteñen verdades como puños e datos irrefutábeis.

Libros que han quedar como crónica e testemuño para vencer e traspasar o relato oficial e unilateral das cousas que estamos vivindo.

Manolo Monge naceu en Valladolid, é sociólogo e profesor xubilado, activista e escritor. É moi longa a nosa relación con el. Vímolo traballar sen desmaio non só na Comisión pola Defensa da Memoria Histórica da Coruña senón tamén na Asociación de Veciños de Monte Alto, na Comisión en Defensa do Asilo de Adelaida Muro, como concelleiro do BNG ou no Foro Cívico.

Temos a Manolo por amigo pero sabemos que é un personaxe moi especial. Non é difícil seguilo nos medios de comunicación e gardamos moi gratas lembranzas de actos compartidos, con xentes moi diversas e valiosas, aos que Manolo nos convocara.

A súa traxectoria como escritor principia en 1999 co volume dedicado ás Autovías galegas, ao que seguirán A Coruña de Paco Vázquez (2003), Outra Coruña é posíbel (2007)l, A historia secuestrada polo franquismo (2010), O camarada Fraga (2014), Perdemos o tren (2014), Indecencias e corruptelas (2015), O poder na Coruña: de Vázquez a Negreira (2015), Os Borbóns (2016) até chegarmos ao que hoxe presentamos.

En O perverso goberno de Feijóo que editan os amigos de Laiovento hai seis grandes asuntos centrais. Un o episodio multipolar e devastador da destrución do sistema financeiro galego que se salda coa desaparición do Pastor ou o Gallego e co proceso de fusión, nacionalización e agasallo das que foron as nosas caixas. Se queren atopar responsabilidades no libro aparecen.

En segundo lugar o autor fai unha análise dos sectores estratéxicos da nosa economía: o agrario, o gandeiro, o forestal, o pesqueiro, o enerxético ou o da construción naval, todos eles mergullados nunha crise nunca corrixida polas políticas das institucións públicas que nos gobernan. Como casos paradigmáticos da situación dalgunhas empresas estratéxicas o libro aborda o caso de AUDASA e de R.

Tema querido para o noso autor, as infraestruturas e comunicacións ocupan outro capítulo importante. Desde a AVE que nunca dá chegado ao tren de proximidade que non temos, a nefasta política aeroportuaria e a propia AP 9 que non está nas nosas mans.

Hai un apartado no que Monge fai un balance da xestión de Feijóo como gobernante. Desde a política de propaganda e asesores á xestión do Gaiás e Sogama, a débeda disparatada, a política intensiva de recortes e privatizacións, o aumento do paro, a pobreza e a desigualdade, o drama demográfico ou a xestión do ensino e a sanidade con especial atención ao acontecido no Hospital de Vigo.

Existe tamén unha análise do fenómeno da corrupción ligada ao Partido Popular que coincide no ano en que se xulga o chamado caso Gürtel e o das tarxetas black por non falarmos do que o autor considera amizades perigosas e os exemplos que ofrece de empresas amigas.

Certo que non debe ser un libro cómodo para quen ou pretende esquivar o relato do que está pasando no noso país ou persiste nunha falaz e nociva estabilidade que nos debera facer esquecer datos e cifras.

Temos que celebrar a existencia de libros coma este e temos que celebrar o valor do autor ao escribilos para hoxe e para o futuro. Os libros teñen moitas vidas. Un autor do que Manolo Rivas dixo (2015): "Un foráneo que chega a esta terra e que procura axiña coñecela a fondo: a súa natureza, a súa xeografía, a humanidade que a habita. Estuda a súa historia, aprende o seu idioma para facelo seu e falalo, implícase nos seus problemas, loita para mellorar ese país escollido. E o máis importante: é quen de revoltarse, de dicir o que non se pode dicir, de denunciar a podremia, de facer visíbel a couza que rila as institucións". Non se pode dicir nin mellor nin máis acaidamente.

Palabras pronunciadas no local da Marea Atlántica, na Coruña, o 14 de outubro de 2016, na presentación do libro de Manuel Monge 'O perverso goberno de Feijóo'.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00