Sociedad
O blog de Henrique Rabuñal

Sicixia

A Coruña

Hai agora 30 anos tiven o privilexio de coñecer a Chano Piñeiro e de comprender en parte a súa paixón polo cinema. Polo cinema na lingua de noso escrutador do que somos, humanos e humanas desta fisterra europea. Naquela ocasión viñera a Foz coa súa celebrada curta Mamasunción (1984) para vérmola e comentármola demoradamente. Aquela paixón de Chano, falecido aos 40 anos en 1995, tamén a vexo en Ignacio Vilar que xa leva consigo unha traxectoria moi considerábel: Ilegal, Un bosque de música, Pradolongo, Vilamor ou A esmorga, esta última, por tantas razóns, obra fundamental do noso cinema.

Sicixia demostra máis unha vez a calidade dos nosos actores e actrices por non falarmos doutros profesionais brillantes na complexa arte do cinema. Moi solvente Monti Castiñeiras, actor de longo e variado percorrido, e excepcional o traballo da fisterrá Marta Lado, saída da ESAD galega e premiada en Toulouse. Riquísimo o seu galego fisterrá executado con todas as exquisitices.

A Ignacio non hai quen lle pague o seu devezo por brindarlle ao mundo mundial xa non digo un tipo de cinema –un tipo que acharemos en moitas partes- senón un cinema que usa a nosa lingua e exporta tantas cousas lindas e rotundas de noso. Neste caso os traballos, a xente e nomeadamente as mulleres, a lingua particular, os sons, as paisaxes, a cultura, a psicoloxía, a arquitectura, a economía, a mitoloxía da Costa da Morte. Un anaco de Europa e do mundo onde as cousas son máis verdades ca noutras latitudes e que o cinema ten a posibilidade de magnificar.

Ignacio e o seu equipo tiñan que coordinar a vocación documentalista da película cunha historia de amor ou de afectos. Cun episodio de violencia machista. Esa conxunción, esa particular sicixia, non é fácil de conseguir ao longo de case 100 minutos de película.

Por Sicixia desfilan xunto cos aloitadores da rapa das bestas, as tabernas e confrades de Fisterra, as mariscadoras do Anllóns, mergulladores e mergulladoras, mariñeiros, un ornitólogo, as palilleiras de Camariñas, as baiucas de Carballo, o Monte Branco e o cemiterio baleiro de César Portela, a praia de Carnota e o inmenso Pindo, a praia do Trece e Corcubión, o Cabo Vilán e a Fervenza do Ézaro, a duna do Penal do Veo ou a estratéxica lenda e furna da Buserana, aos pés do Monte Cachelmo.

Para os ollos do espectador todo o que ve é ficción e se se me permite todos os actores e actrices profesionais por moito que tamén saibamos discernir unha cousa da outra.

Ignacio explora as posibilidades da gravación dixital mesturadas coa gravación na súa memoria e corazón dunha peregrinación pola Costa da Morte. Visual, sonora, emocional. Ese territorio tantas veces arredado das actuacións das administracións é outra vez engrandecido e celebrado por un artista.

Sicixia tamén contén unha historia de amores e desamores. A min lémbrame aquelas páxinas do grandioso Rafael Dieste nas que se rexistra un combate entre o eu e a sociedade. Un eu que procura atopar a felicidade e a liberación. Unha sociedade sempre disposta a frear e impedir aqueles desexos.

O cinema como os libros e os discos, como a música e o teatro, ten dúas vidas. Unha vida efémera que neste caso se xoga no curto prazo cando hai que encher as salas de contado e sumar un bo número de espectadores. Ogallá que consiga éxito nesta primeira vida. Se comparamos Sicixia con tantísimas cousas que nos obrigan a ver a diario, a película de Ignacio sae gañando. Pero logo hai unha segunda vida que administra o tempo. Nós sabemos que nesa segunda vida Sicixia ocupará un lugar privilexiado. A Costa da Morte sabe e saberá telo en conta. E todas as galegas e galegos que amamos a nosa cultura, o noso país e a nosa creatividade tamén.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00