Ocio y cultura
O blog de Henrique Rabuñal

Esquece Monelos

A Coruña

                                                                                                   A Ángeles e Antón

Cando se faga crónica destes anos que vivimos, bastarán algunhas músicas, algúns libros, algunhas obras de teatro, algunhas fotografías e algunhas películas como a que hoxe comentamos para que confirmemos que nosoutros estivemos alí.

Logo de varias curtas (Amore ossoleto, Roma é troppo lontana, Normal people, The Fetch), a directora, guionista e actriz asturgalega Ángeles Huerta agasállanos cunha película producida por Danga Danga (José M. Bazarra, Gaspar Broullón e Marta Eiriz), con guión de Ángeles e de Antón Núñez, con música de Sergio Pena, son de Manu Maneiro e fotografía de Jaime Pérez.

Esquece Monelos contén varias historias ensarilladas. A do río Monelos evocado polos seus usuarios e habitantes, por quen participou na súa destrución e ocultación, por quen se revela como vítima das agresións que padeceu o río e a cidade.

Unha longa meditación que ofrece o neuropsiquiatra Antón Álvarez sobre os meandros da doenza de Alzheimer. Doenza mortal, sen cura, propia de vellos e vellas. Degradación celular, quebra da memoria, desorientación, deterioro. Irritabilidade, dificultades coa linguaxe.

E tamén o relato intimista que en primeira persoa nos ofrece a directora/actriz da película en cuxa mochila cabe a doenza maldita e a historia do río ofrecida para entender a conformación da cidade e esa dialéctica tan importante en Esquece Monelos entre revelación e ocultación, entre son e silencio, entre aceptación e negación, entre lembranza e esquecemento, entre centro e periferia.

Para quen non sexa da Coruña dirémoslle que Monelos foi un núcleo rural, parte principal do concello de Oza até a súa absorción pola Coruña en 1912. O río acabou molestando logo das primeiras agresións do XVIII, cando as actuacións na Palloza, no XIX cando se constrúe a vella estación ferroviaria do Norte e nos anos 60 cando o polígono de Elviña destrúe e esquece Monelos e o río, as súas fábricas e muíños, o castelo de San Diego, as vellas pontes e as casas humildes de tantas persoas cuxa voz e cuxa queixa agroman na película.

Xunto á presenza das persoas que viviron e gobernaron o río e a cidade, as fotografías de Francisco Pillado, Xosé Castro, Alberto Martí ou Ramón Pico contribúen a que reconstruamos a cidade que xa non existe, a biografía de tantas persoas, o río mergullado nas galerías de pedra abovedada, o río na boca e na memoria de quen o tratou.

Para os que amamos a cidade resulta moi elocuente contemplar hoxe mesmo o divorcio entre as novas aglomeracións comerciais, Marineda City ou o Corte Inglés, e o teimudo curso do río que aínda grita a súa desconformidade, a diario moi oculto e en días de enchente lembrando que sempre estivo alí. O río e a xente que aínda vive ao seu carón.

O río son aves, peixes e mamíferos, Monelos son réptiles, anfibios e insectos, as anguías de outrora e liques, son árbores e plantas pero Monelos é por riba de todo xente, xente de noso, lavandeiras de cando non había auga nas casas, a rapazada bañándose, homes que cantan e beben na taberna dos Belés.

A imposibilidade de ver un río, O baleiro, A destrución, O segredo, A auga dentro da auga, son os cinco meandros que nos conducen desde o curso alto do río ao baixo pasando polo medio. Desde a nacenza na Furoca da miña Pastoriza natal, a Agrela, Feáns, o Martinete, San Cristovo, Pocomaco, Someso, Ponte da Pedra, Mesoiro, A Cabana, Castiñeira, Birloque, Elviña, Monelos, Eirís, Cubela, Gaiteira até a desembocadura en San Diego.

Os ríos e as neuronas poden non ter vida eterna. As películas están chamadas a perdurar. E con elas as figuras que ocupan o fabuloso atril da gran pantalla. Para autorretratarse. Bienvenido Gabarri e o alcalde Liaño Flores. Ramón Molezún pero tamén David Hernáez. Esas mulleres auténticas de Monelos.

Na historia do audiovisual galego, a palabra documental cobra nesta película outra dimensión, menos etnográfica pero profundamente antropolóxica. Cinema comprometido e didáctico sempre, que escruta a realidade colectiva e inmediata, que conta mesturando voces e perspectivas, ás veces antagónicas, que pon en valor a relevancia da memoria e as artimañas do tempo.

Se en La nostalgia de la luz de Patricio Guzmán viaxabamos ao deserto de Atacama e había cientistas na procura de vida extraterrestre e xente do común na busca de vítimas da ditadura pinochetista, na película de Ángeles Huerta viaxamos á Coruña profunda (á Galiza que sempre será verdade) na que falan quen presume da política da destrución e quen apandou coas súas consecuencias. E no centro a cidade, a cidade negada, a cidade anegada, o arrabalde invisíbel, o río canalizado, desprezado e oculto.

O día da preestrea foi un día emocionante. Nas butacas do Rosalía de Castro estaban sentadas moitas persoas que víamos na pantalla. E moitas persoas que aman, que amamos, a cidade. Outras que teñen agora a responsabilidade de gobernala. Todos aprendemos moitas cousas. Esa dialéctica de Esquece Monelos volveu con toda a súa forza. Entre a lingua galega e a española. Entre ficción e realidade. Entre alcalde do pasado e alcalde do presente. Entre historia e intrahistoria. Entre evidencia e segredo. Entre ficción e non ficción. Entre sutileza e valentía. Entre poesía e narratividade. Entre honestidade e balbordo.

Cando se faga crónica destes anos que vivimos, bastarán algunhas músicas, algúns libros, algunhas obras de teatro, algunhas fotografías e algunhas películas como Esquece Monelos para que confirmemos que nosoutros estivemos alí.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00