O alcalde convoca aos voceiros municipais
Informará aos grupos da xuntanza mantida o martes co ministro de Fomento en Madrid
Ourense
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ven de convocar xunta de voceiros dos grupos políticos municipais que terá lugar na Alcaldía o martes, 20 de decembro, ás 11:00 horas. Tamén se lles remitiu un escrito para que designen aos seus respectivos representantes na Comisión Municipal de Impulso e Seguimento do Proxecto de Integración Urbana do AVE que convocará próximamente o goberno municipal.
A orde do día da xunta de voceiros ten como primeiro punto dar conta da conversa mantida polo alcalde de Ourense co ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, o pasado martes, 13 de decembro, en Madrid.
O alcalde, Jesús Vázquez, informará aos grupos da xuntanza mantida o martes co ministro de Fomento en Madrid en aras de acadar o máximo consenso, baseado no diálogo, en favor dos intereses xerais da cidade.
O segundo punto da orde do día é a análise da situación actual do proxecto de integración do tren de alta velocidade en Ourense.
A xunta de voceiros terá tamén un terceiro punto na súa orde do día, para abordar outros asuntos de interese.