¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

Momento Coruñento

Dicionario antroideiro: A chistera marabillosa do señor Canzobre

Dicionario antroideiro. Terceira entrega, apoteose: A chistera marabillosa do señor Canzobre.

“Era un artista total, pintaba, improvisaba versos, tocaba a guitarra. Tiña moito carácter e era tamén moi coqueto -limpo dicía el- sempre andaba impe­cable e perfumado”. Así lembra a súa neta Elena, o gran mestre do carnaval da Coruña: Manuel García Canzobre. Co seu Mariachi prendeu fondo no corazón da cidade. Estou a falar do “coche funerario”, do “tranvía de Riazor” ou do “Caleixón de Tabares”, clásicos que poden xurdir –sexa antroido ou non- en calquera templo tasqueiro.

Por que sigue circulando/ ese tranvía de Riazor?

Depósito microbiano/ que cheira a queixo de Roquefort .

Naceu en 1886 en Riazor, non no campo, na propia aldea de Riazor, unhas casas de mariñeiros situadas nos terreos que agora ocupa o Playa Club. Cando había moito mar, as ondas entraban ata o cociña. Tiña tanta confianza co océano que de moi novo embarcou cara Cuba de polisón. Despois Londres, Maracaibo, Nova York... destas viaxes volveu cuns dedos virtuosos na guitarra e co ánimo espelido para armar ferretes.

Finou no ano 77. Na súa derradeira entrevista radiofónica, feita por Antón Lua­ces, o Canzobre velliño afirmaba que saíra coa primeira comparsa no ano 26. A Guerra non foi tempo para moitas antroidadas, e menos na moi rabuda, obreira e cenetista rúa da Torre. Canzobre e familia, tiveron que pasar uns anos agachados, pola banda de Friol, na aldea de Roimil. Reapareceu no ano 53 disposto a recuperar os antroidos perdidos. Por suposto foi tamén o autor do deseño da elegante indumentaria do seu Mariachi: bombín –el usaba chistera- e traxe negro de plexigláx. A canda el -perdón se me esquece algún-, Gelito, Wences, Anguila, Cadavieco, José Leiras, Manuel Bujía e José Iglesias, armados coas súas guitarras, laúdes e o instrumento rítmico que o propio mestre bautizou como rasca­yú.

O repertorio de Canzobre nunca se acaba. Hai uns meses Enrique de La Naval ensinoume estoutra repichoca. A crónica do barco coreano que equivocou o rumbo. E en lugar de no porto houbo entrar polo medio do Orzán. Afortunadamente na garita da rúa do mesmo nome estaba o vixía para o avisar:

Pero o vixía ao velo entrar

Díxolle en coreano

Telefunken pela china

Que che poden atracar.

Moi afortunados foron Aquiles e Ulises por ter un Homero que catase a súas fazañas. Afortunada A Coruña, pois tivo a Canzobre para cantar a gloria do seu Antroido.

Xusto dentro dunha semana, martes de Carnaval, volveremos reunirnos diante do seu busto con chistera na rúa do Parque, para honrar o seu talento.

Rabachol, o loro do boticario e gaiteiro de Pontevedra Perfecto Feijoo, é o símbolo indiscutido do Carnaval de Pontevedra. En Gasteiz proclamaron rei das festas ad eternumao seu Celedón. Reclamo unha vez máis que cada ano apareza no Campo da Leña unha grande efixie do señor Canzobre, para que faga agromar de vez dende o fondo da súa chistera a marabilla do Antroido.

Cargando