¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

O blog de Henrique Rabuñal

Referendo en Cataluña

As principais institucións de Cataluña comezando polo seu Parlament e Govern así como numerosas entidades e persoas, desde dentro pero tamén desde fóra de Cataluña, pretenden a celebración dun referendo pactado co goberno español.

O obxectivo do referendo non pode ser máis elemental en democracia: que a cidadanía catalá exprese a súa opinión sobre o seu propio futuro político. A nación catalá expresou moitas veces ao longo da historia a súa vocación de autogoberno. Sabémolo todos e todas. Sendo o noso un estado plurinacional como hoxe recoñecen mesmo voces moi representativas dos partidos de ámbito estatal, o certo é que moitas decisións, prácticas e discursos sobre materias moi dispares revelan un camiñar en sentido contrario a ese feito plurinacional e unha flagrante regresión competencial no chamado estado autonómico.

Non faremos unha descrición do proceso de desencontros que nos trouxo á situación actual nin das solucións que pretenden ameazar e dinamitar calquera fórmula de diálogo e de pacto. Parece evidente para nós que á marxe das diferentes posturas que se detectan na cidadanía catalá, hai un amplo consenso en que cómpre votar. Parece un desexo que un estado democrático europeo do século XXI debía conceder antes que alimentar unha frustración que non pode durar eternamente.

Que Cataluña queira decidir sobre o seu futuro político non debera estrañar a ninguén en democracia. Como non estraña que o pretendan moi preto de nós Escocia (2014) ou algo máis lonxe o Quebec (1995). Sendo as cousas así o referendo non terá volta atrás se é un desexo maioritaria en Cataluña. Se se realiza cumprindo todos os protocolos e estándares. Se as institucións españolas non fan ouvidos xordos a unha demanda tan democrática.

Cataluña pretende un referendo pactado e encaixado na legalidade española como defenden expertas e expertos en dereito constitucional, facendo unha lectura das leis que permita unha abordaxe e unha solución política de asuntos tan decisivos. O contrario lévanos á xudicialización que seica ninguén pretende. A ver como as primeiras autoridades de Cataluña teñen que comparecer perante os tribunais de xustiza dalgunha maneira por obedecer os desexos de expresión democrática da súa cidadanía. Verdadeiramente é o mundo ao revés.

Quen lese o que aquí levamos escrito xa pode concluír que non padecemos ningún tipo de catalanofobia. Máis ben ao contrario. De padecer algo será catalanofilia porque vemos en Cataluña nestes anos como cidadáns e cidadás con ideas e propostas políticas moi diversas coinciden na pertinencia e na necesidade de celebración dese referendo.

Cada día comprobo que son máis as persoas, algunhas con altas responsabilidades e por iso alta representatividade na política, na cultura e nos movementos cívicos, dentro e fóra de Cataluña, que apoian a celebración do referendo como un instrumento de expresión política democrática.

Como tantas veces na historia a pelota está no tellado do estado. Un estado que non pode permanentemente desouvir o que parece un clamor. Ten moitos exemplos de estados que concederon o que Cataluña solicita. Estados que presumen de longo alento democrático.

En España moitas persoas e entidades simpatizamos coa demanda catalá. E fóra o mundo míranos, de esguello ou con todos os ollos postos en nós, para realmente calibrar a calidade e versatilidade do noso sistema democrático. E para comprender tamén para que serven os parlamentos e gobernos autonómicos cando se ocupan dos asuntos da cidadanía que representan e gobernan. Se alguén tiver medo a consultar e coñecer o que opina a xente, se alguén quixer que a cidadanía non se manifeste votando, daquela si que a legalidade tecida despois do 78 ficaría en evidencia.

Na nosa opinión Cataluña pretendeu sempre seguir os principios de legalidade e lexitimidade democrática. Pídelle ao estado que atenda aspiracións moi lexítimas. Agardamos que esas aspiracións sexan atendidas. Polo ben de Cataluña e polo ben de todas as persoas que vivimos no estado.

Cargando