¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

O blog de Henrique Rabuñal

Carta aberta á Asociación de Viúvas de Lugo

Estimadas señoras:

Formo parte do numeroso grupo de persoas que na Coruña, en Galiza e no estado estimamos que a súa denuncia contra o concelleiro de culturas do concello herculino constitúe unha ofensa ao funcionamento democrático das institucións e unha interferencia no debate político da nosa cidade.

Non sabemos se usando o nome dunha asociación debemos deducir que conta co apoio explícito logo do necesario debate das persoas asociadas ou se a presidenta desa entidade actúa de modo unipersoal ou conxuntamente con outras persoas. Permítanme dirixirme a quen presentou a denuncia no xulgado.

Temos entendido que as asociacións de viúvas son organizacións simultaneamente apartidarias e aconfesionais polo que a denuncia contra a autoridade municipal coruñesa parece estar lonxe da ampla listaxe de asuntos aos que se dedican que será principalmente defender os intereses e dereitos das persoas viúvas máis que fiscalizar en harmonía cun partido político e coa xerarquía dunha confesión relixiosa a actuación dun goberno municipal democraticamente establecido.

Polo que un observa na sociedade coruñesa e galega, a iniciativa xudicial que emprenderon parece unha intromisión na vida pública da Coruña e nos valores democráticos máis elementais que son orgullo perenne da nosa cidade e cidadanía. Non cremos que corresponda a esa asociación ou asociadas tomar partido de maneira tan explícita e desatender as normas de imparcialidade política e aconfesionalidade relixiosa. Serán conscientes que na política galega algún partido non só celebrou a súa iniciativa senón que a usou e usa para atacar e erosionar a un goberno municipal.

Seguro que saben que entre os millares de persoas indignadas pola súa conduta hai asociacións profesionais de artistas, dentro e fóra do noso país, e todas as comparsas da cidade que entenden que esa conduta nos coloca no antonte dos tempos e que celebran que o goberno municipal non cedese a ningunha chantaxe.

Moitas das persoas que discrepamos da súa iniciativa cremos que desde as institucións se debe practicar un escrupuloso respecto por todas as ideas, tamén as relixiosas, e por todas as liberdades comezando pola liberdade de expresión negada polo franquismo durante catro décadas.

Na vida, como ben saberán, non todo vale. E nun sistema democrático hai que saber utilizar con rigor as ferramentas que temos ao noso dispor. O xulgado de instrución número 8 da Coruña negouse a admitir a trámite unha denuncia parecida á súa por non considerar, en boa lóxica, existencia de delito.

Imaxino que saberán que o artista dos cartaces do entroido coruñés é persoa nacida en Lugo e que é autor de catro cartaces que hai que ler e entender en conxunto. Desa maneira compréndese a radical falta de intención ofensiva e si pola contra unha lectura moi estimulante da esencia do entroido coruñés. Como acontece cos espléndidos entroidos da provincia de Lugo é a festa do mundo ao revés, da burla e da crítica. Non lles corresponde a vostedes parabenizar o enterro da sardiña con cura por falar dun acto relevante no entroido lugués. Nin decidir que cartaces deben anunciar o entroido coruñés.

Como ben saberán a xustiza está colapsada e a sociedade precisa moito da súa actuación para combater auténticas lacras como a corrupción instalada en moitas esferas da vida pública que non sei se son motivo de ofensa para a súa asociación. Nese contexto a súa iniciativa vai obrigar a unha persoa cabal e competente a comparecer nun xulgado para reiterar o que xa coñecemos: que ningunha das ilustracións pretendeu ofender a ninguén e a ningún sentimento e si dialogar coa esencia mesma do entroido que é a festa popular da irreverencia, a parodia e a sátira.

Non sei se coñecen a centenaria tradición dos apropósitos coruñeses (onde ninguén se salva da crítica e nos que aparecen como personaxes os Papas de Roma) ou se algunha vez visitaron a rúa da Torre un martes de entroido. Nas dúas situacións poden sentirse ofendidas porque ese sentimento depende polo que se ve máis do receptor ca do emisor. Moita xente oféndese como e cando quere. A min particularmente oféndeme moito a pederastia, especialmente a exercida por relixiosos. No caso dos choqueiros da Torre poderían observar disfraces que nos lembran a todos os colectivos e profesións cun protagonismo especial para o relixioso con proliferación de xente disfrazada de monxa, crego, bispo, cardeal e tamén Papa. Tamén de gardas civís, militares ou policías. A vostedes non lles corresponde decidir eses disfraces.

Sinceramente creo que lle están a facer coa súa actitude un fraco favor ás ideas que confesan e unha certa ofensa ao goberno e cidade da Coruña e por extensión ás normas de convivencia democrática nas que vivimos crentes e non crentes e persoas de moi diferente pensar político. Teñen todo o dereito a criticar as ilustracións e mesmo podemos admitir, nunca compartir, o insulto que lle profesan ao autor pero parece máis propio da Inquisición decidir eliminar a dimensión burlesca do conxunto do entroido e totalmente fóra de lugar buscar o escarmento dun goberno.

Algún día quizais recoñezan o erro. E serán perdoadas. Se limpan a súa ollada e a baleiran de prexuízos acabaran vendo na ilustración do seu paisano un choqueiriño da Torre co disfrace que libremente deseñou alguén que si coñece e transmite a tradición do noso entroido. Se se consideran ofendidas vivirían nunha ofensa perpetua con todos os entroidos coñecidos, con moitísimas obras teatrais, literarias, audiovisuais que constitúen o paradigma e o orgullo da nosa cultura e civilización. Comezando polo noso riquísimo cancioneiro medieval.

Teñen moitos motivos para ofenderse por moitas cousas que acontecen. Polo aumento obsceno da desigualdade, da precariedade ou do desemprego. Polas pensións tan cativas que se reciben no país. Pola sistemática mutilación de servizos públicos. Polo imperio da pobreza. Por esa corrupción sistémica que tamén chegou á cidade da muralla. Polas violencias machistas. Polas guerras que espallan a crueldade e a miseria polo mundo adiante. Oféndanse e actúen en consecuencia.

Pero recoméndolles que non se ofendan por unha obra de arte nin por unha festa tan popular como o entroido. E entre todos os gobernos municipais que hai no mundo xa é casualidade que escollesen un que está sinalado por ser honesto e transparente. O que nestes días non constitúe mérito menor.

Déixenme dicirlles que tampouco fan moi ben usando o nome de Lugo nesta cruzada, cidade irmá da Coruña e onde quen escribe ten moitos e admirados amigos e amigas, artistas da palabra a quen non cito para non os comprometer. Por non falar das grandes figuras que nos deu Lugo como os meus admirados mestres Uxío Novoneyra ou Manuel María.

Creo que se equivocaron de papel, de función, de tempo e de lugar. Quero pensar que na actividade que lles é propia, non a política, atinan máis e mellor coa súa actuación e agardo que as súas asociadas se beneficien dese labor. Erran se pensan que a xustiza debe pórse da súa parte para lesionar a liberdade de expresión e lémbrolles que nin o autoritarismo franquista foi quen de apagar o lume transgresor e purificador do entroido. A xustiza, recoñézano comigo, está para outras cousas.

Xudicialmente son dos que penso que non hai caso. Sacarán en limpo algúns titulares nos medios de comunicación, certa notoriedade para algunha das súas asociadas e algún mal momento para persoas que representan para nós valores como o respecto, a tolerancia, os dereitos das persoas, as liberdades fundamentais. E isto aínda que contasen coa colaboración dun xulgado que decidiu non arquivar a súa denuncia como fan outros xuíces e xuízas en casos semellantes.

Créanme se lles digo que custa moitísimo traballo pensar que alguén se sinta vexado pola obra do artista lugués. Nin persoas nin sentimentos. Algúns pensamos que o propio Papa Francisco reaccionaría antes cun sorriso pero nunca cunha denuncia. Ogallá fose el quen recriminase a súa iniciativa!

A min resúltame doado pórme no lugar do concelleiro de culturas contra quen vostedes actúan. Porque no fondo entendo que actúan contra todos nós, millares e millares de persoas que asistimos incrédulos e un pouco avergoñados a un episodio que lembra a atmosfera da intolerancia.

Non sei se mediron o alcance da súa iniciativa. Se contemplaron que a pelota pode volverse contra vostedes. Daquela o concelleiro e a obra do artista non serán obxecto de debate. E vostedes, primeiro perante as súas asociadas, perante o bo nome da súa cidade, perante a cidadanía coruñesa e a súa cultura do entroido, deberán ofrecer algunha explicación.

Só agardo que no final deste procedemento gasten a súa enerxía e o seu tempo en cousas máis propias da súa asociación. E se o que queren é facer política contra calquera goberno fágano abertamente. Estarán no seu dereito. Témome que non poderán retallar a liberdade de expresión nin exercer de censores de artistas e xa lles digo claramente nin mediatizar ou controlar a festa popular do entroido coruñés, cascarilleiro e choqueiro. Orgullo e emblema da Coruña.

Atentamente, Henrique Rabuñal, veciño da Coruña, amigo de Lugo e da liberdade.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?