¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

Momento coruñento

Con Finita Gay en primavera

Como cada abril gosto de reivindicar unha vez máis coa primavera memoria dunha gran artista: Finita Gay, nome quizá descoñecido para a xente nova. Solaz verdadeiro de todas e todos os que puideron vela enriba dun escenario. Grande estrela. Raíña verdadeira destas Mariñas. A primeira muller que, alá nos anos corenta subiu ao alto do palco do campo da festa. Nacera no lugar da Martela, pola parte de Castelo. Era compañeira da tía de Manolo Rivas, daquelas costureiras que andaban de casa en casa coa máquina de coser enriba da cabeza. Tocou na súa parroquia a orquestra Mallo, grandes acordeonistas, saíu de espontánea cantar unha peza e deixou enfeitizada á xente toda. Xa non puido baixar do palco.

Finita triunfou nas Mariñas, de Betanzos á Coruña, coa orquestra Guiliade e o seu baile da Raspita. Mais decidiu romper. Tras dun amor desgraciado marchou co seu fillo, un cativiño de meses a Venezuela. Alí seguiu cantando. Até que casou cun repunante que lle prohibiu volver actuar. Finita tivo que adaptarse, mais non renunciou os seus soños. Seguiu traballando de modista, criou o fillo. E, cando o home morreu, volveu e investiu os aforros todos nun café-cantante en Tabeaio. Seguro que aínda o lembran, foi na fin dos anos oitenta: A Martela…. Dicíanlle que sería un fracaso, que xa estaba moi vella, que xa ninguén se ía lembrardela… Pois viñeron os seguidores de antes, conquistou á xente nova, e mesmo armou un corrido VIEJA para contestar a tanto agoiro:

Las canas que me ven blanqueando ya

Reflejan que yo estoy envejecida

Pero eso es por fuerita y nada más

Por dentro soy amor en carne viva.

Finita apostou todo a un carta e gañou… e rabuñou noite a noite a felicidade como estrela da Martela até o día no que unha rápida enfermidade nola roubou.

Oxalá que axiña se arme un gran espectáculo musical que reivindique a súa figura. Mentres tanto, seguirei teimundo reivindicando tanto talento. Agora que agromou na Coruña unha nova fornada de artistas extraordinarias. Velaí os nomes de Sés ou Lydia Botana. Lémbrome de Finita porque precisamos referentes. E diante do fracaso de tanto listo-gerifalte que tanto sabían e demostraron que non sabían nada, diante do medo, da incerteza, só temos un antídoto: a ilusión das persoas. Un terreo no que Finita tamén era unha estrela. E mesmo legou para o futuro un modelo de ética emprendedora: Rigor, esforzo e alegría. Ou como ela mesma comentaba: "Eu son dúas persoas: Finita Gay, a artista. E a Martela, a empresaria. Como empresaria son durísima. Como artista, son marabillosa!"

Cargando