¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

A Xunta intervén cen toneladas de produtos pesqueiros en Fisterra

A mercadoría foi intervida por falta de documentación, por talla irregular, incumprimento de normas de hixiene e por falta de autorización do establecemento, segundo a Xunta

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia dependente da Consellería do Mar, coa colaboración da Policía Autonómica e de profesionais da inspección sanitaria de saúde pública da Consellería de Sanidade, realizaron nos últimos días un control nun establemento de Sardiñeiro, en Fisterra, no que interviñeron cautelarmente arredor de 100 toneladas de produtos pesqueiros, principalmente polbo, distintas especies de peixe e outros moluscos, segundo informou a Consellería do Mar nun comunicado.

A mercadoría foi precintada debido a que carecía de documentación que avalase a súa procedencia, debido a que había produto de talla ilegal e a que tanto o produto como as instalacións non cumprían coas medidas de hixiene, mantemento e manipulación correspondentes, segundo a información facilitada pola Xunta. Ademais, Mar afirma que o establecemento non dispoñía de autorización para algunhas das actividades que se realizaban cos produtos. Neste sentido, engade que os axentes constataron que o establecemento está unicamente autorizado para o almacenamento de produtos da pesca conxelados e non para a compra e venda de produtos da pesca frescos, unha actividade que viña exercendo utilizando marcas sobre as que non se constatou rexistro sanitario.

Nun principio o propietario opúxose a que o local fose examinado e amosou resistencia mesmo proferindo insultos aos axentes, que finalmente foron quen de realizar o seu traballo. Así, no transcurso da inspección, os axentes detectaron catro cámaras frigoríficas que carecían de numeración e de identificación e nas que se atopaba parte da mercadoría intervida nunhas condicións que incumprían os requisitos mínimos de salubridade, etiquetaxe e/ou trazabilidade. Debido a que a mercadoría das cámaras estaba distribuída de xeito desordenado, non é posible determinar a cantidade exacta de cada especie, non obstante, estímase que en conxunto rolda as 100 toneladas aproximadamente, sempre segundo a información achegada pola Xunta.

Destas cámaras, unha era utilizada como túnel de conxelación e nela había arredor de 700 quilos de polbo conxelado e sen ningún tipo de identificación. Outras dúas cámaras utilizábanse como almacén de distintos produtos conxelados e entre as dúas contiñan unhas 80 toneladas de produto como polbo embalado e varias caixas plásticas con distintas especies de peixe conxelado.

A cuarta cámara era empregada para o depósito de produtos caducados e estímase que albergaba entre 10 e 12 toneladas de mercadoría, entre a que figuraba peixe embalado e sen embalar (abadexo, congro, xurelos, pescada e lirio entre outras especies), bolsas de polbo, navallas, calamares, vieiras e produto elaborado conxelado, entre outros. Os axentes tomaron mostras da navalla para a súa análise por parte do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar).

Ademais os axentes procederon á inspección doutras partes do establecemento e da súa contorna e atoparon nos seus corredores caixas con aproximadamente 580 quilos de polbo fresco. Dúas destas caixas, con arredor de 40 quilos de polbo, non estaban correctamente identificadas. Alí os gardacostas tamén detectaron arredor de 300 quilos de polbo conxelado sen identificar.

A maiores, no exterior da instalación, os axentes inspeccionaron dous camións e nun deles atoparon arredor de 40 quilos de polbo fresco distribuído en dúas caixas e que estaba sen identificar.

Operativo en marcha

Este operativo de inspección sobre a rastrexabilidade dos produtos continúa en marcha, enmárcase nos controis conxuntos que efectúa a Xunta de Galicia no eido da comercialización e súmase aos controis da baixamar nas praias para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?