SER Deportivos LugoSER Deportivos Lugo
Deportes
BLOG CAMIÑO CELESTE

Un baloncesto “más cerdo” para o noso play-off

A intrahistoria da derrota do Cafés Candelas Breogán en Palma

Bivia ante Guille Rubio / CB Bahía San Agustín

Palma de Mallorca

Non me atrevín a facela porque non me parecía axeitado retratar a dúas persoas que o estaban pasando mal nun momento complicado. Pero a imaxe do partido deste mércores en Palma era a de Lezkano e Quique Fraga ao rematar o encontro na porta do vestiario coa cabeza baixa, sen falar e, imaxino, pensando qué dicir ao entrar ao vestiario ante eses 12 xogadores do Cafés Candelas Breogán tras perder por 10 puntos fronte ao Iberostar Palma, o ata entón colista da LEB Oro.

Si, o colista gañoulle ao primeiro, e con total merecemento, pese ó distinto raseiro arbitral e pese a unha primeira metade aceptable do Breogán, que marchou con vantaxe ao descanso de 9 puntos. Pero aí cortocircuitou todo. Nin sequera foi un partido pésimo. Abondou con dous cuartos para o esquecemento. Dous cuartos para noquearnos.

Jawara, ex xogador do Xuven de Cambados, impúxose a todo o xogo interior do Cafés Candelas Breogán / CB Bahía San Agustin

Biviá, 32 puntos. Jawara, rei da pintura (9 rebotes). Así se resume o encontro. O Cafés Candelas Breogán caeu na trampa do xogo exterior: lanzou 27 veces de 3 ante un equipo que xoga a iso e tirou 21 veces dende fóra, pero que este mércores demostrou tamén que no xogo interior, ante un equipo que da facilidades, non é manco.

Tras un partido para esquecer, cos homes referentes desaparecidos agás Ricardo Úriz na primeira metade do partido, o Breogán volveu morder o pó. Sen boas defensas, non houbo bos ataques e o Breo caeu como un equipo débil, co primeiro soplo de vento que lle chegou. A outra imaxe é a de Fran de Andrés, sempre sereno e fiel ao seu papel do gran delegado que é. Por momentos non puido conter a carraxe, e como o que máis, berrou desesperado dende o banco. Son demasiadas destas. Demasiada dor. Demasiado sufrimento como para podelo aguantar. Algún día Fran deberá escribir a intrahistoria destes anos de agonía na LEB. Ogallá que o poida facer pronto relatándoa en pasado.

Quedan 6 batallas. Porque Lezkano xa dixo tras o encontro que igual é momento de cambiar e facer un baloncesto de "bajar al barro, más cerdo", non tan bonito, pero gañar. Abonda con 5 victorias, con gañar un partido menos dos que había que gañar antes de xogar en Palma. Máis ca nunca, os xogadores necesitan o apoio de todos. Pese a que a veces non o pareza, son humanos. Poden dubidar, poden ter medo. Poden ter momentos mellores e peores. E nos difíciles coma este é onde se reafirma a grandeza dunha afección. Co apoio de todos, decidido e sen fisuras, van sacar a situación adiante. Ímola sacar. Todos xuntos.

Está na nosa man. Pese á frustración. Pese a que unha vez máis nos desilusionamos. Hoxe é outro día, hoxe saiu o sol. E hoxe somos quizáis máis breoganistas ca onte. Porque somos os do fiel sentimento. Porque nunca abandonamos a paixón celeste. Porque a nosa razón de ser non se entende sen levantarnos tras caer. É o Breogán, e temos que sufrir ata o último minuto.

O Palma agasalla en cada partido aos xornalistas que acuden aos encontros con pizzas dun dos patrocinadores / CB Bahía San Agustin

Só agardo que nesa última fin de semana de abril, ademais do ascenso do Ensino, lles poida facer esa foto pendente abrazados na porta do vestiario do Breogán a Lezkano e a Quique Fraga cun sorriso na cara.

Forza Breo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00