¿No tienes cuenta?

Regístrate

¿Ya eres usuario?

Entra en tu cuenta

O conéctate con

Peluquería Mixta Friol: a demostración de que querer é poder no fútbol feminino

O conxunto friolense participa por primeira vez cun equipo de base na Copa Gallaecia de fútbol feminino

As rapazas do Friol feminino infantil nun dos encontros da Copa Gallaecia /

Escoitarlle a voz a Covadonga Regueiro (Covi) un día despois da primeira participación nun torneo oficial da Federación Galega de Fútbol do equipo infantil de fútbol feminino do Peluquería Mixta Friol fai ver ás claras a intensidade e a paixón coa que se viviu o estreo.

Un momento que nunca esquecerá o Peluquería Mixta Friol, o principal representante lucense do fútbol feminino co seu equipo na Segunda División nacional competindo contra xigantes como o RC Deportivo, o Spórting de Gijón, o Real Oviedo ou o Rácing de Santander.

Que 16 nenas se vestisen de corto para disputar os seus primeiros partidos de fútbol federado coa camiseta fluorescente do Friol xa é unha victoria. Por todo o traballo que hai detrás para chegar a este momento e porque este grupo de rapazas, é o primeiro de fútbol base feminino que hai nun concello da provincia de Lugo máis alá da capital, onde a Milagrosa tamén está a facer un gran traballo neste eido.

No equipo infantil do Peluquería Mixta Friol feminino xogan nenas benxamíns, alevíns e infantís. Pero o conxunto friolense non é un equipo ao uso. Esta formación é un grupo de rapazas que xogan en distintos equipos mixtos da provincia de Lugo e incluso algúns concellos da Coruña.

O traballo para chegar ata ver as nenas coa camisola do Friol vestidas de curto foi duro. Nun primeiro paso, como recoñece Covi Regueiro "chamamos a todos os clubs da provincia que tiñan nenas participando en equipos mixtos para facer pequenas concentracións durante o ano e que adestrasen xuntas".

Un lance dun dos partidos do Friol feminino infantil na Copa Gallaecia / FGF

"A idea era levalas a torneos e á copa Gallaecia", apunta a adestradora, quen recalca que ningún dos clubs con nenas nos seus equipos "puxo ningún impedimento e co esforzo dos pais que as desprazan" conseguiron sacar adiante a iniciativa. En xullo de 2017 comezaron coa iniciativa e no verán fixeron máis adestramentos ao non estar cos seus clubs.

Durante a campaña fixeron 3 concentracións para a Copa Gallaecia, e agora, durante a competición agardan poder xuntalas un par de veces ao mes. "É moi complexo, porque son de distintas idades e cada equipo ten os seus días de adestramentos", apunta Covi, quen recalca que hai moi poucos equipos con nenas na provincia.

No equipo hai 7 nenas infantís, 8 alevíns e 4 benxamíns. Son mozas da Mariña, da comarca de Sarria, de Monforte de Lemos, de Chantada ou incluso de Melide ou Arzúa, na provincia da Coruña. "O lóxico sería competir en alevíns, pero dábanos rabia deixar as maiores sen poder xogar", apunta Covi. Segundo recalca o presidente do Peluquería Mixta Friol, solicitáronlle á Federación Galega de Fútbol poder facer un equipo para o torneo infantil con nenas das tres idades, e non houbo ningún impedimento.

É moi complexo xuntar ás nenas porque son de equipos distintos con horarios de adestramento diversos

"A pesar de levarse algunhas 4 anos de idade, competiron por primeira vez cunha soltura impresionante. Non tiveron ningún medo e fixérono fenomenal", apunta Covi. A nivel de resultados, nos tres partidos disputados na xornada inicial do torneo o pasado luns, o Peluquería Mixta Friol perdeu o primeiro encontro por 1-0 co Victoria FC, gañou o segundo por 5-0 ao Sárdoma e empatou o terceiro co Orzán.

O certo é que "non agardaba estes resultados", pero "dende un primeiro momento xa lles dixen ás nenas que ían ter moitas outras Copas Gallaecia ao ser tan novas", apunta Covi, que se marca o único reto de que na última concentración da copa, en Xuño, "as nenas se coñezan mellor e compitan mellor que na primeira, e sobre todo que disfruten e vexan que existe o fútbol feminino, e non só o mixto".

 

Unha desvantaxe importante con respecto a outras provincias

O Peluquería Mixta Friol ten equipo na Segunda División feminina e na provincia hai outros tres proxectos de fútbol feminino. Son o da Milagrosa na Primeira Autonómica, con tamén distintos equipos de base e unha formación na liga de fútbol 8 da Coruña, o da SD Antas, líder na Segunda Autonómica Centro e o da fusión do Ribadeo FC e Spórting Pontenova, que compite na Segunda Autonómica Norte.

"É moi complicado para nós, temos unha desvantaxe moi importante, porque só na cidade da Coruña hai dez veces máis equipos que na nosa provincia enteira", apunta Covi. A adestradora do Peluquería Mixta Friol feminino infantil sinala que non se podían quedar de brazos cruzados, e por iso xorde esta iniciativa. "Ademais, na próxima tempada temos intención de sacar un filial, pero hai que ir moi pouco a pouco, porque a nosa provincia é como é e as distancias son moi grandes".

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?