O blog de Henrique Rabuñal

Xabier Docampo

Hoxe acordamos coa tristísima noticia do pasamento de Xabier Docampo. Nestas poucas horas fíxose moi visíbel o amor que lle profesamos centenares de persoas, moitos colectivos e diversas institucións. Para varias xeracións, a súa literatura foi unha porta aberta non só ás letras de noso senón tamén a un edificio ético que conxugaba aqueles valores chamados a resistir o paso dos días.

No mundo da cultura, o Xabier estaba instalado no olimpo dos mellores. Ofrecía un catálogo infinito de xenerosidade e afectos a quen procuraba acubillo e alento nunha personalidade próxima e desadornada.

O seu universo xiraba en boa medida en torno ao libro, á lectura e á palabra en todos os seus formatos. Mestre con maiúscula e renovador da pedagoxía, home de radio, de teatro e cinéfilo practicante, columnista en varios medios, chairego pero coruñés, contribuíu a pór as bases da nosa literatura infantil e xuvenil, o que lle valeu moitos recoñecementos.

Entre O misterio das badaladas (1986) e A nena do abrigo de Astracán (2017) cabe o mundo todo cos seus matices, as súas lealdades e as súas mensaxes. Xabier cría na irmandade de quen dalgunha maneira militamos na lingua, na literatura e na cultura de noso. E practicaba esa irmandade sen sectarismos respectando e integrando as múltiples formas en que esa militancia se manifesta.

Xabier era un conversador moi ben equipado, amante e escrutador das bibliotecas, puro entusiasmo ao servizo do país e dos seus devezos. Desa xeración Lamote co seu amado Agustín Fernández Paz que encheu de libros e de soños as escolas e as casas de millares de persoas. Merecedor dos máis altos recoñecementos que poidan facerse.

Hoxe as chorimas e as queirogas pintan a aba dos nosos corazóns tristeiros. Quedará para sempre o seu exemplo e os seus libros. E as lavercas cantando e contando a fermosura eterna da súa palabra.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?