Política
Poetas

A X “Festa da Palabra” rende homenaxe ao poeta ourensán Víctor Campio

No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios “Insua dos Poetas” 2018.

No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios “Insua dos Poetas” 2018. / Radio Ourense- Cadena Ser

Ourense

“Esta décima edición consolida a “Festa da Palabra” como a cita máis importante do verán cultural non só de Ourense, senón de toda Galicia”, sinalou o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar. Na Insua dos Poetas están xa instalados dez grandes das nosas letras: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Dora e Pura Vázquez, Carlos Casares, e a partir de hoxe, “o poeta Víctor Campio Pereira incorpórase á nómina das voces que aquí respiran aire de liberdade, que alumean coa luz do seu espírito e que ofrecen un canto solidario, a verba que Víctor Campio comparte con Curros Enríquez, con Celso Emilio Ferreiro, con Eduardo Blanco Amor, con Pura Vázquez e, no próximo 2019, con Antón Tovar”, dixo o presidente do goberno provincial.

Premios “Insua dos Poetas”

No acto, no que actuou como mantedor o escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, tivo lugar a entrega dos premios “Insua dos Poetas” 2018 das súas sete categorías. Nesta ocasión, o premio á categoría Medios de Comunicación foi para Cablevisión do Carballiño polo seu labor informativo en lingua galega na bisbarra carballiñesa e pola difusión da cultura. O premio á Defensa e Conservación do Medio Ambiente” recaeu na Plataforma Mina de Touro - O Pino Non polo seu labor contra o proxecto mineiro a ceo aberto que afecta a varios concellos da provincia da Coruña. O premio de Artes Plásticas foi para o artista e comunicador Siro López que ten aportado unha obra sólida e vangardista na plástica, humorística e profunda na escrita e sempre caracterizada por unha fina, delicada e sutil interpretación do mundo. O premio “Insua dos Poetas” 2018 á Emigración foi para Beatriz Carballo Regueira, actual secretaria da Asociación Hijos de Zas en Bos Aires. Delegada de Educación no Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol e autora de Yo, emigrante, 50 historias de galegos espallados polo mundo. Na categoría de Iniciativa Empresarial a prol da cultura, o premio foi para o presidente de Viña Costeira Adega, Andrés Rodríguez, por manter e incrementar a longa tradición cultural da maridaxe entre o viño e a literatura, especialmente no 50 aniversario da fundación da Cooperativa do Ribeiro. O premio á categoría de Acción Social foi, nesta edición, para o presidente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure, pola súa sensibilidade e boa disposición, acollendo en residencias da Fundación a partícipes da vida cultural de noso, especialmente escritores como é o caso do finado Bautista Álvarez e do poeta Bernardino Graña. Por último, o premio “Insua dos Poetas” 2018 na categoría de creación literaria foi para o escritor Bieito Iglesias, quen destaca por un uso patrimonial da lingua galega, ata o punto de que a súa escrita é un exercicio propio de linguaxe. Trátase dun autor que transcende á gran literatura europea da que Bieito Iglesias non só é lector senón que destacado intérprete. Os galardóns, que foron entregados polas autoridades asistentes ao acto, consistiron nunha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano.

“Caste”

No acto tamén tivo lugar o develamento da peza escultórica “Caste” da autoría do tamén poeta, Luís González Tosar. “Trátase dunha peza simbólica da obra poética de Víctor Campio Pereira. Neste grupo escultórico conxúganse a expresión máis telúrica a través da deconstrución dunha roda de carro do país, elevada a unha escala de tres metros de diámetro, e elaborado cos mesmos materiais tradicionais: ferro forxado e con madeira de carballo do país, en diálogo co figurativo do home; a representación que coroa a estrutura, simbólico da forza da palabra”, explicou o autor de “Caste”.

Tamén asistiu á celebración da X “Festa da Palabra” o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; os secretarios xerais de Política Lingüística e Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; e os deputados provinciais de Cultura e Cooperación, Manuel Doval e Pablo Pérez. Ademais das autoridades, tamén estiveron representantes de fundacións galegas como a de Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Blanco Amor, Curros Enríquez e outras institucións culturais ourensáns, xunto con escritores, editores, artistas plásticos e outras persoas do mundo da cultura galega.

A música durante o acto correu a cargo do grupo “Blues do País” e da Real Banda de Gaitas da Deputación.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00