Premios para os colexios que reciclen pilas
Unha soa pila de botón pode contaminar ata 600.000 litros de auga
Ourense
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presenta unha nova campaña de concienciación para incrementar a reciclaxe de pilas, baterías e cargadores, co fin de evitar o dano que este residuo perigoso provoca no medio ambiente.
A conselleira de Medio Ambiente visitou o CEIP Nosa Señora de Xuvencos, de Boborás, onde presentou o Concurso Pilabot, que ten como obxectivo fomentar a recollida de pilas e acumuladores portátiles (baterías) nos colexios de toda Galicia e que se pon en marcha coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, que terá como mascota a un simpático robot chamado Pilabot.
Unha pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Vázquez Mejuto salienta que no caso das pilas, estas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, mandos a distancia, cámaras, lanternas, reloxos, calculadoras..... polo que esta actitude de correcta separación non só se debe manter nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, desde onde trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos nos contedores específicos.
A conselleira invita aos colexios de Primaria e Secundaria a participar nesta campaña, anotándose na web www.pilabot.gal, para recibir os bidóns recolectores de pilas e material informativo.
A campaña tamén incluirá actividades informativas e charlas educativas nos centros, coa entrega de información e material sobre a campaña, e sobre a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas e tamén se organizará un concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, no que as tres fotos con máis “me gusta” tamén acadarán un premio.
Así, estableceranse catro premios, dous de 2.500 euros para o centro que máis quilos de pilas reúna desde o inicio da campaña ata febreiro e tamén para o centro que máis quilos recolla por alumno; tamén se fixa un galardón de 1.250 euros, cada un, para o centro que quede en segunda posición en ambas categorías.