Sábado, 08 de Agosto de 2020

Otras localidades

Momento coruñento

Diccionario antroideiro

Xa quere cheirar a Carnaval, señora, a festa das festas desta cidade. Como cada ano teño por costume, en beneficio das novas xeracións choqueiras ,e citándome a min mesmo, velaí vai a primeira entrega do dicionario antroideiro coruñés. Vademecum imprescindible para todos os que queiran honrar na rúa a revolución do Santo Antroido.

RICARDIÑO: Así denominaban o seu moneco do Antroido as veciñas e veciños de Castro de Elviña. Na fin da festa queimábano ou guindábano pola Ponte Pasaxe abaixo acompañado deste responso:

Este pobre Ricardiño

Viviu na aldea do Souto.

Deixou á muller viúda

Para que fose con outro.

MAZARICOS: Famoso antroideiro do primeiro terzo do século XX. Chamábase Emilio Golpe, vivía na Cordelaría e era, de oficio, pintor. Ademais de polos “ferretes” acadou gran sona polo seu “museo” doméstico. Nel exhibía “As gafas de Alfonso XIII”, ou as botas coas que o Marsical Soult pisou pola Coruña adiante. Educado e sempre atento, Mazaricos convidaba os visitantes a unha copiña de viño –iso si- reforzada con “acibar”, laxante rápido, que provocaba, de certo,urxentes desaparicións.

FERRETE: Cántiga de carnaval que debe ser tan aguda como o seu nome. Apoteose necesaria por tradición do apropósito, xénero teatral que, entre outros excelsos talentos, fixo grande Nito. Velaí un ferrete da autoría do ex-marqués de Pibela y brazos cortos do tempo da República:

Houbo algunha señorita

Que lle dixo á súa criada:

Ou votas polas dereitas

Ou quedas desempregada.

 

ANTROIDO: Preferimos esta forma a “Entroido”, pois estas non che son datas abofé para moitas normativas. Aínda que hoxe o costume está en desuso, o Antroido por excelencia era o moneco –xeralmente de xenitais ben dotados- que presidía esta festa. E a maior antroidada era metelo ás agachadas na casa dalgún veciño. Un ano o doutor Hervada foi chamado ás presas para atender unha urxencia. Cando chegou, no sitio do enfermo, atopou a un “antroido” metidiño no leito. Examinouno con calma e estendeu a receita. Os da casa foron á farmacia por seguir a brincadeira. Resultou ser o medicamento máis caro do mercado. Auténtica antroidada de efecto retardado.

Até aquí esta primeira entrega do dicionario. Dentro dunha semana máis.

Xa quere cheirar a Antroido, señora… Este si que vai ser, señora, un gran momento coruñento.

Cargando

Escucha la radio en directo

Cadena SER
Directo

Tu contenido empezará después la publicidad

Programación

Último boletín

Emisoras

Elige una emisora

Cadena SER

Compartir

Tu contenido empezará después de la publicidad

Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?