Sábado, 08 de Agosto de 2020

Otras localidades

Momento coruñento

Soltando amarras

Dende o pasado domingo, estannos a medrar escamas e guerlas, somos un chisco menos terrícolas, e virámonos tripulación desta cidade-barco.

Falo da gran manifestación convocada pola Comisión Aberta en defensa do común: “A Coruña non se vende”.

Celebración cívica, co apoio de máis setenta entidades de todo xénero e condición, que se converteu nunha fermosa reivindicación da cidade do Mar.

Alí soubemos, da voz de Pilar Oviedo, do poder que ten a cidadanía cando decide unirse. Dos dezaseis hospitais que tivo o exército no conxunto do estado, só un mantén un uso sanitario. Precisamente, o Abente y Lago, o antigo hospital militar da Coruña. Fomos a excepción porque naquel momento a cidade soubo mobilizarse para evitar que o edificio fose subhastado ao mellor postor.

Pola contra descubrimos, canta ignorancia terrícola!, como a nosa industria máis excelente, a propia ría -casa vizosa da ameixa, a ostra e oberberecho-, está a se converter nun sumidoiro. E dos 2000 postos de traballo que chegou a xerar –así nolo contou a mariscadora, e gran poeta, Teresa Ramiro- quedan apenas, unhas ducias de traballadoras.

Mais agora, tras da toma de conciencia común de que a Solana e o hotel Finisterre están construídos na ribeira, e terreos usurpados na ditadura ao patrimonio público, a cidade-barco comeza a emerxer. Hai tan só uns poucos anos na listaxe de reivindicacións colectivas ninguén pensaría no mar.

Este domingo principiamos unha grande viaxe cara o espazo interior. Esa que nos conduce ao gremio de Mareantes, cuxo patrón deu nome á rúa máis importante da Pescadería, San Andrés. Aprenderemos -Zambela, Gueivouteiro, Rabaleira- os nomes das rochas do mar. E descubriremos, quizá nas biografías dos nosos antergos, os antigos camiños que nos unían con Cuba, Inglaterra, Buenos Aires, Nova York.

Tras das cicatrices dos petroleiros, Urquiola, Mar Exeo, tamén os duros golpes do Prestige, volverán recuperar esplendores antigos as augas do Mar de María Antonia –xa saben ese que enche os nosos ollos dende o alto da Torre- entre o Cabo Prior e as Sisargas, e volveremos a contemplar os choutos dos homes mariños, aqueles dos que nos falou o cardeal Gerónimo del Hoyo –mito radicalmente coruñés- para pronunciar xuntos a palabra máis fermosa, esa que campa na noite cando acouga o boureo do ser humano, porque é o retrouso do propio mar: Orzán, Orzán, Ooooorzán!

Medre o Mar!

Cargando

Escucha la radio en directo

Cadena SER
Directo

Tu contenido empezará después la publicidad

Programación

Último boletín

Emisoras

Elige una emisora

Cadena SER

Compartir

Tu contenido empezará después de la publicidad

Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?