Viernes, 14 de Agosto de 2020

Otras localidades

Momento Coruñento

Contos da Coruña

Aconteceu xa hai algúns anos. Debía realizarlle unha entrevista a un percebeiro. Esa épica dos que agatuñan polas rochas máis rabudas para arrincar os tesouros do mar. Preguntei por Corme, por Cedeira, non acababa de pechar o contacto. Díxome alguén, ti es parvo Xurxo!, andas buscando lonxe, e a carón da túa casa, en Monte-Alto, tes percebeiros a eito. Efectivamente eu era parvo, velaí o bar Tolín, campamento base dos percebeiros que traballan ao pé da Torre de Hércules.

Alí coñecín a un sabio, Milucho Mariñas, o home que percorreu as pedras todas dende Avilés a Corrubedo. Tamén adous rapaces novos. Ao comezo non querían falar moito, despois, se cadra, falaron de mais. Un día estaban apañando percebes na Rabaleira, moi perto da Torre. Situación alegal, por non dicir profundamente ilegal: había veda.

De súpeto pasou por riba deles un helicóptero: Neno, xa nos viron, é o helicóptero da comandancia de mariña, vainos caer unha boa multa!… Ían escapar, mais tentaron acabar de arrincar unha piña de percebe. E volvepasar o helicóptero: Desta non zafamos, imos ao caldeiro seguro, neno !. E aínda así, déronlle un golpe máis coa ferrada a ver se viña o percebe ese. E volve o helicóptero. Párase xusto na súa vertical, peitéalles as guedellas. Tiran con todo, saen correndo e, cando chegan arriba, descobren o que está a acontecer: Era… o helicóptero da Volta Ciclista a España que pasaba pola Coruña. O realizador quedara fascinado coa visión dos percebeiros ao pé do faro romano.

Cando chegaron ao Tolín, amolados, conforme entraron pola porta dixéronlles os compañeiros: Que guapos saístes da televisión !

Probablemente a alguén lle soe este relato. Quixen recuperalo porque ando de modesta celebración. Acaba de aparecer unha nova edición –a cuarta- dos “Contos da Coruña”, o libro que ten a súa orixe nas historias que aprendín de vostedes nos micrófonos desta casa, a través do programa sabatino A Tropa da Tralla, con Sofía de Labañou.

En breve informaremos dos pequenos eventos que estamos a armar para celebralo.

Por iso acudín hoxe os percebeiros na Rabaleira. Imaxe diáfana para ilustrar as 15.000 realidades paralelas que conviven no noso presente. “Contos da Coruña”, esa viaxe cara o espazo interior, a descuberta da cidade-barco, que temos diante dos ollos pero da que case nunca ninguén nos falou.

Ai! do insensato que pretenda posuír a exclusiva da música deste Universo. Como di o vello fado portugués:

Cantiga da rúa

xamais se habitúa

Aos lábios de alguén

vive independente.

É de toda a xente.

Non é de ninguén.

Medre o Mar!

Cargando

Escucha la radio en directo

Cadena SER
Directo

Tu contenido empezará después la publicidad

Programación

Último boletín

Emisoras

Elige una emisora

Cadena SER

Compartir

Tu contenido empezará después de la publicidad

Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?