Últimas noticias Hemeroteca

Jueves, 21 de Noviembre de 2019

Otras localidades

Unha man no outono para Anca

A radio é o olimpo da palabra. Palabra comprimida. Verbo vivo. Pero ás veces non nos nacen as palabras. Porque cadran os silencios. Coma hoxe para despedir a un amigo, ao director da EAJ41, esoutra casa grande da cidadanía coruñesa, a radio máis escoitada do país. A radio por excelencia entre nós.

Nos moitos anos de trato con Ángel Gómez Hervada, Anca, revelouse como unha persoa que trataba con todas as familias políticas, que coñecía a cidade e o país coma poucos, que procuraba un relato coherente da realidade sumando diversas perspectivas. Tamén as afastadas das súas propias. Que as tiña moi claramente establecidas.

Anca dirixía unha radio para satisfacer o dereito á información da cidadanía e conta para facelo cun equipo de profesionais e colaboradores que exercen a súa función con enteira liberdade. É certo que desde a súa atalaia e desde 1989 tiña unha posición privilexiada para entender o que acontecía. Para coñecer as miserias e as grandezas dos grandes protagonistas da vida política, económica, cultural ou deportiva. A súa ollada lonxe da prepotencia doutros era sempre comprensiva e tolerante, mesmo afectiva.

Moitos profesionais, hoxe en medios e labores moi diversos, estanlle agradecidos porque era xeneroso en abrir portas e Radio Coruña é unha institución na cidade desde os tempos de Pancho Hervada e de Rafaela Hervada. Hai máis de 80 anos.

Eu hoxe non quería abordar a súa longa traxectoria profesional. Prefiro rescatar a imaxe do amigo e do mestre en tantas ocasións, a persoa xenerosa que te recibía e despedía cun sorriso, a que che preguntaba a cousa máis complexa, a que tiña toda a información necesaria. A que posuía máis pezas ca ninguén para pechar o quebracabezas dos enigmas. O miolo da información.

Como humilde colaborador da súa casa, vivimos xuntos moitos momentos. Ventureiros. O frenesí dunha xornada electoral. As galas do 75 aniversario. O encontro semanal para intercambiar pareceres. Xantares formais e informais para practicar a conversa e agrandar a amizade. A cidade e o xornalismo perden con el unha figura única. Transversal como a radio. Inclusivo como a radio. Libre como a radio. En permanente actualización como os boletíns horarios e a programación da radio.

Este abrazo final é para a súa familia, para todos os traballadores e colaboradores de Radio Coruña, para esa audiencia esixente que tamén chora a súa ausencia. Para todos os que padecemos a dor e o baleiro que nos deixa.

E finalmente para el, para Anca, para ti, amigo, estas palabras que veñen con dificultade mesturadas cos silencios. Para axitar unha man mergullada no outono. Para che ofrecer esta aperta sincera e derradeira.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?