Últimas noticias Hemeroteca

Domingo, 08 de Diciembre de 2019

Otras localidades

¿Cal é a palabra do ano para os galegos?

O 48% das persoas que votaron no portal das palabras o tiveron claro ó escoller a súa palabra preferida deste ano

Cun 48 por cento dos votos, afouteza é a Palabra do Ano 2017. Votaron por ela 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Afouteza impúxose aos outros sete finalistas, todos termos moi mediáticos este ano. Independencia foi a seguinte palabra en número de votos, con 939, e sapoconcho, a terceira, con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, as preferencias das persoas que participaron nesta enquisa.

Nas tres edicións anteriores, as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014). Agora súmase a esta lista Afouteza, que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario.

Esta palabra formou parte da campaña do Celta de Vigo, que ten por lema: “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club. 

Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que unha persoa demostra en si mesma

Segundo informa a Real Academia Galega nun comunicado, a orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado “favorecer ou “protexer”, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais.

De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.

Afouteza non é só unha palabra de dicionarios e dicionaristas, xa que aparece con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?