Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Sociedad
Humanización

A Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Vigo, impulsa actuacións de mobilididade peonil nas estradas de Bembrive e o Vao

A Deputación licita as obras na EP-2001 O Calvario-A Garrida por 234.000 € e aproba o expediente de contratación da mellora da estrada do Vao por 280.000 €

A Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Vigo, está a impulsar novas actuacións para seguir integrando as estradas provinciais situadas na cidade no modelo provincial de mobilidade amable, segura e sostible. Trátase, por unha banda, da licitación das obras de mellora da mobilidade peonil da EP-2001 O Calvario-A Garrida no núcleo de Bembrive e, pola outra, das obras de mellora das interseccións e acondicionamento na contorna da estrada do Vao (EP-2003) na parroquia de Coruxo. As dúas actuacións teñen un orzamento conxunto de máis de medio millón de euros.

Obras de mellora da mobilidade peonil en Bembrive

As obras de mellora da mobilidade peonil da EP-2001 O Calvario-A Garrida desenvolveranse na contorna da Casa da Entidade Local Menor de Bembrive. Esta actuación acaba de saír a licitación por un orzamento de 233.587 € e as empresas teñen de prazo ata o 2 de febreiro para presentar as súas propostas. Os traballos fináncianse a través dun convenio no que a Deputación asume o 70% do investimento e o Concello o 30%.

Na zona onde se vai actuar está situada tamén a Praza do Mosteiro e varios locais comerciais, polo que se trata dunha área moi concorrida pola veciñanza, de xeito que os traballos permitirán reestruturar os espazos para recuperar o máximo espazo posible para uso peonil. A obra responde a unha vella demanda tanto do Concello como da Entidade Local Menor de Bembrive para dotar esta zona, o centro da parroquia, de seguridade peonil e dun espazo amable para as persoas.

Carmela Silva asegurou que a actuación suporá “transformar a contorna coa recuperación de espazo público, con seguridade para as persoas e cunha nova estética urbanística, converténdoa nunha gran praza”. “Van seguir transitando vehículos, pero agora haberá seguridade e o lugar vai cambiar por completo”. Deste xeito, a actuación suporá a humanización ao máis alto nivel neste relevante espazo “do que a veciñanza poderá agora gozar en condicións” e supón o punto de partida para seguir a transformar Bembrive con futuros proxectos.

As obras contemplan a execución dunha zona de plataforma ao mesmo nivel da estrada con novos espazos peonís a ambos lados combinando firme con formigón e bandas de lousa de pedra e pequenas zonas axardinadas. Na vía de acceso á Igrexa de Santiago de Bembrive habilitarase un firme de lastro de pedra para a zona de tránsito de vehículos. Tamén se renovará a zona da calzada e se executarán novas redes soterradas de recollida de pluviais, alumeado público (8 luminarias LED), electricidade e telecomunicacións. Ademais, construiranse novos sumidoiros que se conectarán á rede de pluviais existente.

Transformación integral da Estrada do Vao

O Goberno da Deputación aprobou este martes o expediente de contratación das obras de mellora das interseccións e acondicionamento na contorna da estrada do Vao (EP-2003). Os traballos teñen un orzamento de 280.000 euros, afectarán o total do trazado (1,6 quilómetros) e a previsión, unha vez comecen as obras, é dunha duración de catro meses.

A actuación consistirá na mellora da accesibilidade peonil e a seguridade viaria da estrada. Mellorarase o pavimento das beirarrúas, adecuaranse as interseccións con outras vías, mediante pavimento táctil, e tamén as interseccións con elementos singulares como a fonte e o lavadoiro. Instalaranse zonas de descanso e novos pasos peonís para asegurar a plena continuidade e seguridade na vía, e mellorarase a capacidade e accesibilidade do espazo peonil próximo aos servizos da zona (Oficina Municipal do Distrito, comercios, Colexio Divino Salvador ou centro de saúde, entre outros).

Para iso, redistribuirase o espazo cara a garantir a prioridade peonil e xerar zonas de estancia con novo mobiliario e a plantación de árbores de sombra como cereixos de flor ou similares. Renovaranse os rasantes e os pavimentos, executaranse alcorques transitables, pintaranse as columnas de alumeado público, retranquearanse os postes, executarase un novo paso peonil, mellorarase a regulación dos semáforos e renovarase a sinalización para adaptala á nova ordenación da estrada.

A Deputación, xunto co Concello de Vigo, xa actuou anteriormente nesta vía para mellorar a mobilidade e a seguridade con medidas como a instalación de pasos peonís sobreelevados e o reasfaltado e pintado do firme. Agora, abórdase un proxecto integral para a totalidade da estrada para adaptala por completo ao modelo provincial de infraestruturas amables, seguras e sostibles.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00