Hoy por Hoy Matinal VigoHoy por Hoy Matinal Vigo
Ocio y cultura

O Terraceo volve en maio con moita música

O Festival a sua cuarta edición este ano convertido xa nun clásico da programación musical da cidade de Vigo

Cartel Terraceo 2023.

Esta nova edición dará comezo o 12 de maio con Depedro e contará con artistas como a estrela do soul Curtis Harding, a voz do rock do ex-vocalista e baixista de Deep Purple, Glenn Hughes, o pop/folk de Julieta Venegas, a mestura de R&B e blues dos irmáns Kitty, Daisy & Lewis, o electro-punk bailable dos !!! (CHK CHK CHK), o desert blues dos Tinariwen ou o folk de Chris Jagger. Contaremos tamén co mítico Pancho Varona, o indie-pop bailable de La La Love You, o rock de Arde Bogotá, o novo flamenco de María José Llergo, o rap de HARD GZ e o inclasificable trap de Boyanka Kostova.

O Festival TerraCeo xurdiu durante a pandemia como un evento ao aire libre con concertos programados dende finais da primaveira ata o final do verán. A clave do éxito foi a ubicación na espectacular terraza do Auditorio Mar de Vigo, xusto no momento do solpor, co sol caendo sobre a Ría de Vigo e as Illas Cíes. En 2022 foron 9.000 espectadores os que se achegaron para ver os concertos de Salvador Sobral, Soleá Morente, Lila Downs, Anni B Sweet, Taburete, Digitalism, Ángel Stanich ou Delafé y las Flores Azules.

Nese momento máxico do solpor sobre a Ría de Vigo poderemos disfrutar de grandes artistas como Curtis Harding, considerado un dos grandes nomes do soul e o R&B na actualidade. Influenciado pola súa nai, cantante de gospel, nos seus inicios foi un dos coristas de CeeLo Green. A súa música recolle influencias do soul, o R&B e o gospel máis clásico. Como chegados doutro tempo, o rock’n’roll dos irmáns Kitty, Daisy & Lewis poderia perfectamente ser contemporáneo de Jerry Lee Lewis ou do mesmo Elvis. Os Coldplay escolléronos para abrir a súa xira de “Viva La Vida” e dende entón non deixaron de xirar e de tocar nas mellores salas e festivais.

Os incombustibles !!! (Chk Chk Chk) son, xunto con LCD Soundsystem, unha das grandes bandas de dance-punk. Os seus directos son unha auténtica festa na que ninguén pode deixar de bailar. Chegan a TerraCeo con novo álbum baixo o brazo, “Let It Be Blue”, co que celebran 25 anos de carreira facendo bailar ao público. Os amantes do rock máis clásico poderán disfrutar co que foi apodado como “a voz do rock”, Glenn Hughes, ex vocalista e baixista de Deep Purple. O artista interpretará o lendario álbum dos Deep Purple, “Burn”, celebrando o 50 aniversario da súa publicación, ademais doutros grandes éxitos da banda británica. Será o único concerto que terá lugar, ademais, no auditorio interior.

Do outro lado do charco chega unha artista imprescindible da música latina. Con nove álbumes publicados e máis de 30 millóns de discos vendidos, Julieta Venegas levou o Grammy ao Mellor Álbum de Pop Latino por “Limón y Sal” (2006). Non sería o único, xa que levou outros 7 premios Grammy Latinos, o último deles pola súa colaboración con Bad Bunny en “Lo Siento BB:/”. Compositor, produtor e músico que acompañou a Joaquín Sabina durante a maior parte da súa carreira, Pancho Varona compuxo tamén cancións para Ana Belén, Manolo Tena ou Luz Casal. No seu directo coa Banda del Pirata Cojo podemos atopar moitos destes temas ademais das súas cancións en solitario

Depedro, que abre esta edición do TerraCeo, é xa un imprescindible do noso panorama nacional. Ven de publicar “Antes que Anochezca”, o seu primeiro álbum en directo, con colaboracións de Iván Ferreiro, Luz Casal ou Amparo Sánchez (Amparanoia). Igual que o seu directo nunca defrauda, tampouco o fan Arde Bogotá, a banda de rock de Cartagena que está a encabezar os carteis de todos os festivais. E se falamos de festivais, La La Love You xa se converteron nun nome case imprescindible grazas ao extraordinario éxito de “El Fin del Mundo”, tema xa convertido en himno con máis de 80 millóns de escoitas en Spotify. E que poderiamos dicir de María José Llergo? Co seu debut, “Sanación”, deixou claro que era unha das grandes voces do novo flamenco, cun pé na tradición e outro na vangarda. Con “Te Espera el Mar”, tema da banda sonora da película “Mediterráneo”, levou o premio Goya a Mellor Canción, e xa está a traballar no que será o seu novo disco.

TerraCeo tamén quere apostar por descubrir propostas máis descoñecidas e menos habituais. É o caso do colectivo de músicos Tuareg, Tinariwen, considerados pioneiros do desert blues e cun premio Grammy ao Mellor Álbum de World Music por “Tassili”. Outra das sorpresas que vai levar o público é a de Chris Jagger. O irmán de Mick Jagger segue a ser un descoñecido para o gran público, pero a súa mestura de blues, folk e country recorda a grandes nomes como Van Morrison.

E para deixar un sabor galego nos beizos, temos a Boyanka Kostova e HARD GZ. Sen ningún tipo de prexuízo, os Boyanka Kostova mesturan hip-hop e trap coa música galega tradicional. Unha proposta que está a causar sensación entre as novas xeracións, como tamén o está a facer HARD GZ, un rapeiro galego afincado en Barcelona. Con millóns de reproduccións en Spotify, este artista está a facerse un nome dentro da música urbana española.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas xa están á venda a través de www.teuticket.com, contando as 200 primeiras de cada concerto cun 20% de desconto.

PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL TERRACEO

Maio:

12 de maio – DEPEDRO

13 de maio – GLENN HUGHES

26 de maio - !!! (CHK CHK CHK)

Xuño:

2 de xuño – PANCHO VARONA

3 de xuño – ARDE BOGOTÁ

30 de xuño – CURTIS HARDING

Xullo:

1 de xullo – LA LA LOVE YOU

7 de xullo – CHRIS JAGGER

8 de xullo – JULIETA VENEGAS

21 de xullo – MARÍA JOSÉ LLERGO

22 de xullo – KITTY, DAISY & LEWIS

25 de xullo – TINARIWEN

Setembro:

22 de setembro – BOYANKA KOSTOVA

23 de setembro – HARD GZ

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00