Publicadas as listas electorais no Partido Xudicial de Corcubión
PP, BNG e PSOE concorren en todos os concellos. Haberá oito listas independentes. Sen presenza da ultradereita de VOX
Corcubión
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe mércores a listaxe de partidos que concorren ás elecións municipais do vindeiro 28 de maio. Sen excesivas sorpresas, os tres principais partidos (PP, BNG e PSOE) presentan candidaturas nos nove concellos adscritos á Xunta Electoral da Zona de Corcubión. Ademáis oito listas independentes estarán tamen na liña de saída: unha en Carnota, Zas, Muxía e Fisterra e dúas en Cee e Corcubión.
En Camariñas os veciños poderán escoller entre tres candidaturas, as encabezadas pola actual alcaldesa Sandra Insua (PSOE) ou as alternativas de Xurxo Manuel Rodríguez Baña (BNG) e Paula Mouzo Más (PP). os socialistas aspiran a revalidar a maioría abosluta que veñen conservando de xeito continuado.
En Carnota, ademáis dos tres principais partidos, irrumpe Compromiso por Galicia, encabezada por Federico Sánchez Fernández-Armesto e con Naiara Torres Lázaro, Bruno González Cano e Dolores Benito Gallego nos primeiros postos. O PSOE busca manter a alcaldía con Juan Manuel Saborido Rama (Moma) á fronte da candidatura e con Mercedes Noceda como número dous. Retorna á política o exalcalde Ramón Noceda Caamaño, que María Belén Campos Díaz no segundo posto tentará recuperar o bastón de mando para o BNG. A aposta do PP en Carnota é Agustín Manuel González Dosil, secundado por José Elisardo García Lago.
Cee é un dos concellos onde competirán dúas listas independentes: IxCEE e Unión Cidadá. Os primeiros con Ramón Vigo pechando a lista de xeito simbólico e coa concelleira María del Pilar Iglesias como cabeza de cartel e María del Carmen Díaz Freire como número 2. Unión Cidadá repite con Víctor Somoza, acompañado por Jesús Manuel García Trillo e Ana Belén Somoza. O PSOE busca revalidar a alcaldía conseguida por Margarita Lamela na cita de 2019 e parte como cabeza de cartel dos socialistas con Rubén Villar Agulleiro e Emilia María Trillo Lojo nos primeiros postos. Nos nacionalistas repiten Serxio Domínguez Louro e César Pérez nas primeiras posicións, mentres que o Partido Popular escolleu a Jesús Picallo para tentar regresar á alcaldía. Águeda María Díaz Mejuto e María Victoria Areas Pose secundan ao empresario.
O concello máis pequeno da provincia, Corcubión, sorprende coa concorrencia de cinco candidaturas, dúas independentes. O Partido Autónomo de Corcubión (PACOR) de Ramón Rojo volve á liña de saída, con Marom Nozik Ayoubi e Arancha Trillo Agulleiro. Sempre Corcubión compite de novo con Alfredo González García á cabeza e María del Carmen Caamaño Alonso e Manuel Ángel Abelló Sanchez nas primeiras posicións. Manuel Insua Insua, o actual alcalde, busca á reeleción á fronte dun PSOE sen novidades e cos concelleiros María Manuela Fernández Louro e José Antonio Louro Pais nos postos dous e tres. Enfrente estará un renovado BNG liderado por Francisco Javier Domínguez Traba "Drok" e coa única continuidade do edil Xosé Lois Lado Martínez no número 3. Francisco Santiago López ocupará o segundo posto. Por último, o Partido Popular cambia totalmente a súa listaxe e confía no ex Patrón Maior José Domínguez Buiturón para conseguir aumentar a súa presenza na corporación. José Luis Abelleira Ronquete e Fernando Insua Domínguez secúndano nos primeiros postos.
Dumbría estreará a etapa post José Manuel Pequeño con PSOE, PP e BNG competindo polos sillóns municipais. No PSOE o concelleiro Raúl González Lado é o encargado de sustituir ao veterano alcalde e estará acompañado por María Carmen Agulleiro Fernández e Faustino Suárez Moledo nos tres primeiros lugares. O BNG volve á escea en Dumbría da man de Xaime Trillo Canosa, con Alba Cambeiro Cernadas e Jesús Manuel Túñez Castro ao seu carón. No Partido Popular Domingo Antonio Santamaría González é o encargado de aumentar a presenza dos seus na corporación e o fará apoiado por José García Capelo e María Vanesa Lema Sande.
En Fisterra o PSOE compite co obxectivo de reter o bastón de mando de José Marcote Suárez, que nesta ocasión terá a Soledad Vilela Romero e Alexandre Domínguez Lado como acompañantes na cabeza da lista. Os socialistas gobernan en coalición cun BNG no que repite Xan Carlos Sar Oliveira "Kuka". Teresa Fernández Martínez e María Cristina Camba Daparte figuran no segundo e terceiro lugar dunha listaxe que pecha a eurodeputada Ana Miranda Paz. O Partido Popular optou na Vila do Cristo por camniar de cabeza de cartel e otorgou a súa confianza a Luis Manuel Insua Lago. Susana Rodríguez Nemiña e o exalcalde José Manuel Traba Fernández son os seguintes da candidatura popular. Nestas elecións irrumpe Alternativa dos Veciños, o partido do alcalde de Oleiros. Áurea Domínguez Sisto, Francisco Martínez Traba e Francisco Antonio Lestón Redonda son as facianas de AV.
Muxía afronta un escenario incerto logo dunha lexislatura convulsa. Iago Toba Campaña busca a reeleción baixo o paraugas do PSOE, con Olalla Benlloch Lema e Javier Romar Alvarellos (concelleiros que sobreviven da lista do 2019) como acompañantes principais. Os partidos da oposición manteñen aos seus candidatos, con Carlos Fernández Concheiro (ademáis de María Mercé Barrientos Varela e Faustino Gándara Martínez) no BNG e Sandra Vilela Riveiro (con Sofía López Simón e Rosario González Lema) encabezando o PP. A novidade é a listaxe capitaneada polo ex Patrón Maior Javier Sar Romero alumbrando o nacemento de Independentes por Muxía. Aurelia María Picallo Merlán e Ángel Santos Álvarez estarán nos primeiros postos da súa candidatura.
En Vimianzo redúcense as papeletas de cara a cíta coas urnas. Só PSOE, BNG e PP presentan candidatos na capital de Soneira. Mónica Rodríguez Ordóñez compite co claro obxectivo de dar continuidade ao seu triunfo de 2019 á fronte dos socialistas. Víctor Muíño Ramos e María José Pose Pérez serán os seguintes da lista. O BNG reúne de novo a todo o espazo do nacionalismo con Benjamín Queiro Pérez como renovado candidato e María Lorena Suárez Pazos e Roque Cernadas Pérez nos postos principais. O Partido Popular confía no empresario José Manuel Rodríguez Blanco ademáis de Sara Romero Sueiras e Anselmo Castiñeira Caamaño como trío de cabeza dos populares.
Zas afronta a cita coas urnas na que podería ser lexislatura de despedida do actual alcalde, Manuel Muíño Espasandín. Opta a revalidar o triunfo para o BNG con Natalia Espasandín Pazos e María del Pilar García García no podio da lista. No Partido Popular repite David Gómez Brandariz, secundado por David Rial Montes e José Martín Cundíns Suárez. Os veciños de Zas terán máis alternativas o día 28 ao competir de novo o PSOE e aparecer unha candidatura independente. Os socialistas retornar con Sheila Rial Mata como cabeza de cartel e David Durán Villaverde e María Cristina Fernández Lorenzo nos primeiros postos. Ademáis Alternativa Nova introduce o fenómeno independente no concello zasense da man de José Vilariño López. María Belén Lado Gallardo e Victoria Busto Amado figuran como número dous e tres respectivamente.
Nas comarcas de Soneira e Fisterra non figura ningunha candidatura da ultradereita de VOX.