Política

Fisterra e Corcubión cambian de alcalde, Muxía e Ponteceso con escenario aberto

O PP mantén a súa fortaleza en Bergantiños

Costa da Morte

O 28 de maio deixa dous cambios de alcaldías na Costa da Morte. O PSOE perde as alcaldías de Fisterra e Corcubión, mentres que fortalece o seu poder en concellos como Cee, Carnota, Vimianzo ou Camariñas. O Partido Popular mantén o seu poder en Bergantiños, mentres que o BNG medra nesa bisbarra e queda sen a desexada alcaldía carnotá.

Partido Popular

O Partido Popular consigue reter cómodamente as alcaldías de A Laracha e Cabana, ampliando de xeito espectacular o seu dominio en Coristanco. Neste municipio, a desaparición de siglas como TEGA xogou a favor dos populares que doblaron as súas actas, pasando de 5 a 10 concelleiros. A paisaxe electoral mantense en Malpica, cuns resultados similares aos de 2019 que anticipan un pacto entre PP e os Independentes de Alfredo Cañizo. Laxe seguirá tendo a José Luis Pérez á fronte logo de manter a súa maioría absoluta. Pero os populares non só manteñen os seus feudos, senón que conquistan Fisterra, acadando 5 actas que non lle dan a maioría absoluta pero que abre as esperanzas a que Luis Insua sexa o rexedor dada a falta de sintonía entre Alternativa dos Veciños, PSOE e BNG. En Ponteceso e Muxía o PP sube e ten opcións de poder fomar unha maioría alternativa aos gobernos actuais do PSOE.

Partido Socialista

Os socialistas celebran o éxito do seu trío de alcaldesas. Camariñas repetiu os resultados de 2019, o que permite que Sandra Insua siga gobernando a vila. En Cee e Vimianzo o éxito foi rotundo. Na capital de Soneira Mónica Rodríguez conseguiu 10 actas e só terá tres edís doutra cor na corporación (2 do BNG e 1 do PSOE). En Cee Margot Lamela gobernará con maioría absoluta logo de gañar con autoridade un pulso que se preveía co PP que, finalmente, non se produciu. Tras una lexislatura en minoría, a rexedora terá as mans libres durante os próximos catro anos. En Dumbría Raúl González estrease no consistorio con dous concelleiros menos pero unha cómoda maioría para iniciar a etapa post José Manuel Pequeño.

A cruz da xornada para os socialistas foi o descalabro de Fisterra e Corcubión. Na vila do Cristo o PSOE pasa de 4 a 2 concelleiros e non poderá reeditar o bipartito co BNG. Unha situación similar á de Corcubión, onde o goberno de Lalo Insua sufriu un descalabro ao perder un concelleiro e o poder no pobo. Tampouco foi unha boa xornada para os socialistas en concellos como Cabana e Mazaricos onde quedaron sen representación. En Laxe a caída de apoios fixo que caesen de 4 a 1 edil nesta próxima lexislatura e en Ponteceso dilapidouse a maioría absoluta de 2019 para dar paso a un escenario aberto con dificultades para que Lois García Carballido manteña o bastón de mando.

BNG

Os nacionalistas non acusan o desgaste nos seus feudos. En Carballo o apoio a Evencio Ferrero continúa medrando, pasando de 12 a 13 concelleiros. En Zas e Mazaricos o BNG perde un acta pero Lolo Muíño e Juan Blanco manteñen un amplo apoio para gobernar con maioría absoluta. A nova positiva foi a recuperación da alcaldía de Corcubión onde Francisco Javier Domínguez "Drok" conquista a alcaldía doblando en edís ao PSOE.

Ademáis, o BNG experimentou unha importante subida en concellos onde apenas contaba con presenza como Cabana, Dumbría ou Laxe. A decepción para os nacionalistas estivo no varapao de Fisterra, onde deixarán de gobernar co PSOE e o asalto infructuoso á alcaldía de Carnota. Alí o socialista "Moma" resistiu o intento do exrexedor Moncho Noceda de recuperar o bastón de mando.

Independentes

As candidaturas independentes acadan unha representación desigual na bisbarra. En Cee IxCee queda cun só edil e PACor desaparece en Corcubión, onde Sempre Corcubión baixa de dous a un concelleiro. Alfredo Cañizo seguirá sendo chave de goberno en Malpica e en Ponteceso os dous concelleiros de Partido Galego e o que acadaron Adiante por Ponteceso e APIN son os que decidirán quen detenta a alcaldía pontecesá. Alternativa dos Veciños irrumpe en Fisterra con tres postos na corporación e en Muxía os dous dos Independentes de Javier Sar poden articular unha maioría ao seu redor. Espazo Común en Mazaricos e Podemos en Laxe obteñen tamén representación cun acta.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00