As redeiras seguen innovando e levan o seu oficio ao mercado das mascotas
Presentarán en París unha colección de complementos para cans
Costa da Morte
As Redeiras Artesás de Corme participan na realización da nova colección de complementos para mascotas da marca pontevedresa The Painter’s Wife. Trátase dunha colaboración no marco do proxecto Enredadas da Xunta de Galicia.
O obxectivo desta actividade foi a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente a man, empregando materiais procedentes das artes de pesca.
Esta nova colección estará á venda na tenda en liña de The Painter’s Wife e estará dispoñible tamén no mercado Le Bon Marché de París, onde a marca The Painter’s Wife contará cunha tenda temporal durante os meses de setembro e outubro. Neste espazo está previsto que as Redeiras de Corme realicen unha exhibición do seu traballo e unha personalización de correas nestes exclusivos grandes almacéns parisienses, con motivo da inauguración desta tenda a finais de agosto.
Enredadas é un proxecto de boas prácticas enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que agora se lle engade o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas tiñan a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional ao tempo que un incremento dos seus ingresos.
Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.
Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.