O deficiente servizo de buses une a veciños, goberno e oposición en Fisterra
As queixas dos usuarios son continuas en toda a Costa da Morte dende hai anos
Costa da Morte
A calidade do transporte colectivo na Costa da Morte é moi deficiente dende hai décadas e a pesar dos cambios realizados pola Xunta o servizo non mellorou.
O problema aumenta no verán en Fisterra debido ao enorme número de peregrinos que chegan á vila do Cristo. É urxente atopar unha solución á localización da parada e mesmo valorar a construción dunha estación que poda acoller os buses das liñas regulares como á gran cantidade de autobuses turísticos que chegan a diario. Nas épocas máis fortes son máis de 200 buses por semana.
A actual parada non é operativa en moitas ocasións, incapaz de dar cabida ao número de buses necesarios e supón un perigo para os usuarios que se ven obrigados a esperar no medio da estrada para poder subir ou gardar as súas mochilas.
Dende a asociación de veciños levan anos demandando unha solución que non chega a pesar de que tódolos partidos están de acordo en que é preciso o cambio.
A alcaldesa Áurea Domínguez asegura que solicitou unha reunión con membros da consellería de mobilidade para buscar unha solución a este problema, pero tamén a outros como que haxa usuarios que queden en terra porque non se reforza o servizo, ou a necesidade de establecer novos horarios para que os estudantes podan ir e vir de cidades como Santiago ou Coruña venres e domingos.
Dende a oposición PP, PSOE e BNG tamén coinciden na urxencia de atopar unha solución á parada.
O de Fisterra é o caso máis evidente polo volume de usuarios. Pero as denuncias polo mal servizo que ofrecen as empresas concesionarias chega dende moitos outros puntos ca bisbarra. Usuarios que se queixan porque quedan en terra, porque a venda online non funciona porque se ven obrigados a viaxar de pé ou simplemente porque que non se cumpren os horarios.
ANPAS e Concellos da zona buscan tamén que a Xunta facilite o transporte ao alumnado dos institutos con liñas axeitadas aos horarios dos centros educativos.