A oposición muxiá acorda solicitar un novo regulamento para os plenos
Acusan ao alcalde de alongar as sesións para non respostar aos temas da orde do día.
:quality(70)/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/D4AIJN5ZERB4NDHB4DWLRA22EI.jpg)
Representantes dos tres grupos da opsición presentan a moción conxunta
Muxía
BNG, Independentes por Muxía e Partido popular veñen de presentar unha moción conxunta solicitando un novo Regulamento de Ordenación Municipal para organizar as sesións plenarias. Segundo os grupos da oposición, o obxectivo é dotar ao concello dunha ferramenta para facilitar a transparencia e a rendición de contas.
Os grupos políticos da oposición cren que é preciso axustar os tempos de intervención nas sesións plenarias para evitar "os monólogos interminables e repetitivos ou as intervencións para falar de temas que non están na orde do día" así como "as interrupcións constantes á oposición e as faltas de respecto e alusións persoais" que na súa opinión protagoniza o alcalde Iago Toba. Segundo a oposición é intolerable que por segunda vez en tres meses "os plenos se teñan que interromper ás doce da noite" sen tratar asuntos importantes que figuran na orde do día.
As críticas da oposición muxiá van máis alá, calificando como "circo para as redes sociais" esas sesións plenarias nas que se evita "falar dos verdadeiros problemas dos muxiáns". Consideran inadmisibles as alusións a "temas persoais e as faltas de respecto", actitudes que segundo a oposición pretenden silenciar a súa voz e esconder "a indolencia e a falta de dilixencia na xestión do actual goberno".