Os Bombeiros endurecen as súas protestas
Logo do plantón de Xunta e Deputacións, bombeiros de toda Galicia acordaron exercer o dereito a folga, evitando ser desprazados para manter os parques comarcais abertos
:quality(70)/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/DAACB2O7ZBFFDCUOHEDFWNW4TU.jpg)
Os bombeiros comarcais levan varios meses mobilizándose. O pasado mes de xullo fixérono xunto co persoal do 061 ante o Hospital da Costa da Morte / Fran Hermida
Costa da Morte
Os Bombeiros Comarcais de Galicia levaron a cabo unha reunión de urxencia onte mércores para ratificar as medidas depresión a adoptar logo da ausencia da representación de Xunta de Galicia e Deputacións á xuntanza convocada o luns 9 co Comité de Folga.
Na asemblea de bombeiros, o colectivo decidiu manterse firme na súa negativa a realizar tarefas voluntarias. Rexeitan realizar horas extras, o que aboca aos parques comarcais a peches periódicos debido á falta de persoal. Así pretenden visibilzar as carencias de persoal que arrastran e que impide acadar o níumero mínimo de tres bombeiros operativos para manter abertos os parques comarcais.
Outra das medidas adoptadas é a de permitir que calquera bombeiro poida exercer libremente o dereito á folga nos termos previstos pola lei. Dende o comenzo do conflito os bombeiros evitaran exercer o dereito á folga. Agora, coa nova postura, dificultarase a mobilidade de efectivos entre os diferentes parques para mantelos abertos. Aumenta así a posibilidade de ver máis parques de bombeiros pechados de xeito simultaneo.
A xuntanza tamén dou luz verde a un calendario de mobilizacións que inclúe manifestacións o día 20 ante a Deputación de Pontevedra, o 23 ante a de Ourense, o día 27 na Deputación da Coruña, o 31 en Lugo e o 7 de novembro na Presidencia da Xunta de Galicia. Esta última acción será de ámbito estatal e irá orientada a reunir apoios de colectivos de bombeiros de todo o Estado.