Fisterra busca un novo centro de saúde
A alcaldesa manterá mañá martes unha reunión co xerente da área sanitaria
O Centro de Saúde está situado no primeiro andar
Fisterra
Fisterra precisa un novo centro de saúde. A petición é unánime dentro ca vila, inda que a partir de aí hai opinións de todos os xeitos. Hai quen aposta por mantelo na actual ubicación e tamén quen considera que un centro moderno non ten espazo suficiente onde se atopa hoxe en día. Sexa dun ou doutro xeito, mentres dende a Consellería de Sanidade non se mova ficha, a petición queda nun mero desexo.
A demanda dun novo centro non é nova. Anteriores gobernos muicipais xa tentaran facer realidade a petición veciñal. Agora quen vai trasladar esa necesidade é a alcaldesa Áurea Domínguez. Mañán martes ten previsto manter unha xuntanza co Xerente da Área Sanitaria Coruña-Cee para insistir na necesidade de dotar á vila dunha nova infraestrutura. "O Centro de Saúde actual non ten nin os accesos necesarios e imprescindibles para un edificio desas características" sinalan fontes municipais afirmando que o fisterrán "ten as peores características de toda a área sanitaria, e case nos atrevemos a dicir, de toda a Comunidade Autónoma".
Non é a única crítica que chega sobre o actual edificio. "Os técnicos das ambulancias non poden sacar unha padiola" engaden mentras enumeran as dificultades que pasan as persoas con mobilidade reducida para acceder ao centro.