Brais Pichel, o triunfo do sentidiño na cociña
A estrela Michelín do "Terra" é a única que se suma ás xa existentes en Galicia. O chef, Brais Pichel, opta tamén ao premio Cociñeiro Revelación de Madrid Fusion
Fisterra
A Costa da Morte ten unha nova estrela Michelín. O restaurante Terra, en Fisterra, luce dende onte este galardón, sendo a única novidade na relación de 19 que hai na comunidade galega. A Costa da Morte ten agora tres estrelas, xa que á do terra, súmanselle as xa existentes en As Garzas (Barizo, Malpica) e O Retiro da Costiña en Santa Comba).
Terra un restaurante que inda recende a novo. O seu chef, Brais Pichel, é un novo valor da cociña galega. De 31 anos, leva tres á fronte dos fogóns deste establecemento situado ao pé da praia da Ribeira, en Fisterra. A súa vida está ligada ao mundo da cociña, xa que procede dunha familia que xa ten outro establecemetno hostaleiro na vila do Cristo. Formado no Centro Superior de Hostalería de Galicia, Brais Pichel axiña se fixo sitio nas preferencias dos amantes da boa cociña, combinando bos produtos, grandes elaboracións e prezos moi competitivos.
Brais Pichel pasaba hoxe polos micrófonos de Radio Nordés Cadena SER para amosar a súa satisfacción co éxito obtido onte. Dende o aeroporto de Barcelona, alí tivo lugar a gala na que se anunciou a obtención da estrela, recoñecía estirse abrumado tanto polas felicitacións como polas novas peticións para poder acudir ao Terra a desfrutar da súa cociña. Pero a experiencia na fin do mundo non só inclúe o produto dos seus fogóns, senón un trato cercano ao cliente. "Somos simpáticos" bromeaba, "hai que poñerlle sicoloxía a todo. Hai que atender ben a xente, estar preto deles xa debe ser algo casi obrigatorio. Somos perosas máis alá de ser cociñeiros mellores ou peores. Gústame estar coa xente. Ë unha parte importante do meu traballo. Comentar, preguntar... vives para eles, para que estén contentos e volvan".
O proceso para obter a distinción precisa da visita de inspectores da guía Michelín, uns "exames" nos que o inspector non desvela a súa identidade. Pichel non é cosciente do momento no que puido recibir esa vsita xa que "en Fisterra hai moita xente solitaria, peregrinos que veñen sos, entre xullo e setembro hai moita xente que vén comer soa". Agora, O seu obxectivo e, chegado ao éxito, manterse na cúspide. "Facer máis, ampliar... implica moitas cousas, como aumentar persoal, Imos ver como imos e axustar. Agora hai que manterse, non vas vivir sempre nun pico de reservas", unha intención na que queda patente que o sentidiño é un dos ingredientes principais na cabeza de Pichel.