Economía y negocios

O persoal da recollida de lixo de Carballo irá á folga polo San Xoán

A decisión foi aprobada pola asemblea de traballadores ao considerar insuficiente a suba salarial proposta pola concesionaria

Os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo do Concello de Carballo irán á folga coincidindo coas festas do San Xoán, consideran que a concesionaria do servizo (unha UTE integrada por Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL) está bloqueando a negociación do convenio colectivo. Así o anunciaron nunha rolda de prensa este luns na que tamén rexeitaron as propostas económicas trasladadas pola empresa, que apenas se moveu un 0,5% dende o inicio das negociacións, cualicicandoas de "miseria".

Segundo indicaron os voceiros dos traballadores, a decisión de convocar folga foi aprobada pola asemblea de traballadores/as ante a negativa da UTE Carballo a presentar unha oferta salarial que garanta o mantemento do poder adquisitivo e que permita ter unhas retribucións dignas no servizo de recollida de lixo, a canceira e o punto limpo.

As xornadas de folga desenvolveranse das 22:30 horas do domingo 16 de xuño ás 15 horas do luns 17 de xuño; os días 20 e 21 na mesma franxa horaria; e dende ás 22:30 horas do domingo 23 até ás 13:05 horas do martes 25 de xuño.

O secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, que compareceu xunto co delegado de persoal, Juan Antonio Rivero Martín, denunciou que a pesar de que o persoal está cobrando o salario mínimo interprofesional, a empresa limitouse a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI. Consideran raquítico o incremento de entre o 1,7% e o 2% para os seguintes anos de vixencia do convenio (2025 e 2026).

Critican tamén que a UTE Carballo rexeita de plano a demanda de estabelecer un complemento de IT do 100% no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns. Malia tratarse "dun sector de especial perigosidade e penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade".

O persoal reclama unha "suba xusta" que aproxime os seus salarios aos que xa perciben os compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo; que se garanta que todas as categorías están por enriba dos incrementos do SMI; e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real.

Na comparecencia realizada este luns apuntouse que "non é a nosa intención molestar a cidadanía durante a celebración das festas, pero ante o bloqueo da empresa non nos queda outra saída que convocar folga e mobilizarnos en defensa dunhas condicións salariais e laborais dignas".

A este respecto, tamén se fixo un chamamento ao Concello de Carballo para que respecte o exercicio do dereito fundamental á folga e non decrete uns servizos mínimos abusivos que deixen sen efecto a convocatoria.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00