“O Papuxa” convértense en plató para rodar “As maos das pulpeiras”
A curtametraxe de Matriuska Producciones pon en valor o traballo das pulpeiras e o “pulpo”, “gran maridaxe co viño do Ribeiro”
Ribadavia
Ás rúas de Ribadavia non lle fan falta demasiado para ser un bo plató de rodaxe. “Temos un Casco Histórico digno de película”, expresaba o alcalde de Ribadavia, César Fernández, esta mañá durante a visita ao equipo técnico e artístico da curtametraxe “As maos das pulpeiras”. Con guión de Duarte Caseiro e dirixida por Silvia Cachafeiro, é a nova produción de Matriuska Producciones, que xa rodou outros filmes de éxito como “Matria”.
César Fernández, alcalde de Ribadavia, xunto á concelleira de Cultura, Yolanda Gómez e responsables doutras das localidades achegadas nas que transcorren as filmacións da curta, como Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, ou Diego Fernández, concelleiro de O Carballiño; e acompañados por Jacobo Sutil, director da AGADIC, visitaron a rodaxe que estos días se está a realizar en Ribadavia.
Daniel Froiz, CEO de Matriuska Producciones, e o resto do elenco técnico e artístico da curta atópanse gravando nas rúas de Ribadavia e nun lugar icónico da vila: O Papuxa, unha taberna moi coñecida da localidade que se sitúa en pleno casco histórico e que leva nas mans de numerosas xeracións dunha mesma familia.
“Para Ribadavia é un orgullo contar con filmacións cinematográficas. É unha oportunidade de dar a coñecer a nosa vila, cunha historia única. Ademais, este filme centrado nas “pulpeiras” serve tamén para pór en valor outro dos tesouros do noso concello: o Viño do Ribeiro, que é a maridaxe perfecta cun bo ‘pulpo’”, explicou o alcalde, César Fernández. De feito, a última edición da Festa do Pulpo, do Carballiño, estivo adicada ao viño do Ribeiro.
O director da AGADIC, Jacobo Sutil, resaltou o bo momento no que se atopa o audiovisual galego, que ademais aposta por proxectos feitos en Galicia, con historias propias, pero “cun horizonte internacional. Estamos na fermosa vila de Ribadavia que en si mesma é un escenario de rodaxe e esta curta, centrada na provincia de Ourense, de seguro terá un percorrido despois por festivais e pantallas e que vai servir para que moita xente aprecie o que temos: as nosas paisaxes, a nosa cultura e a nosa lingua”.