A vítima da noite de fin de ano en Touro era orixinario da Costa da Morte
Seu pai é natural de Corcubión e súa nai do Pindo, onde recibirá sepultura hoxe xoves
Costa da Morte
A Noitevella deixou un terrible suceso logo do atropelo mortal sufrido por Nicolás Sánchez Trillo en Touro. O mozo, de 18 anos, foi presuntamente atropelado por un autobús cando saía de desfrutar da primeira noite do ano nunha coñecida discoteca. O rapaz, residente en Sigüeiro, procedía da Costa da Morte, de onde son seus pais. En concreto, seu pai é orixinario de Corcubión e a súa nai do Pindo, no concello de Carnota, lugar este último onde se celebrará o funeral e enterro na igrexa de San Cremenzo do Pindo hoxe ás 17 horas, con saída ás 15.30 do tanatorio de Oroso onde será sendo velado.
Nicolás perdeu a vida ás 7:20 da mañán, cando unha chamada avisaba do atropelo a un varón por parte dun autobús. Os servizos de emerxencia non puideron facer nada por reanimar ao accidentado. As primeiras investigacións apuntan a un autobús que tería impactado ao mozo nunha manobra de marcha atrás, sen que o condutor se decatase da presenza da vítima. O autobús investigado foi localizado na Laracha logo de finalizar o seu servizo, onde a Garda Civil puido constatar a presenza de restos de sangue na parte traseira do vehículo. O instituto armado mantén a investigación sobre outros vehículos que tamén participaron en transportes durante a noite de fin de ano.