National Geographic recomenda visitar as Illas Lobeira
A publicación define o enclave como "unha marabilla natural"

O edificio do faro destaca no perfil da Lobeira Grande

Corcubión
A prestixiosa publicación "National Geographic" pon o foco na Costa da Morte. En concreto, na ría de Corcubión, xa que aí está situado un dos destinos recomendados para visitar durante o mes de abril: as Illas Lobeira.
A revista destaca tanto a historia do arquipélago, escenario de múltiples naufraxios, coma o seu valor paisaxístico que permite desfrutar dende unha óptica diferente do Monte Pîndo ou do faro Fisterra. Ademais tamén destaca a posibilidade de desfrutar da soidade das súas pequenas praias.
As Lobeira son dúas illas que se atopan á entrada da ría de Corcubión. A Lobeira Grande, obviamente de maior tamaño, é a que ten o edificio do faro, unha construcción que contou cun fareiro ata 1923 e que hoxe está automatizado. Orientada cara a costa de Carnota está a Lobeira Chica, un illote que apenas sobresae en pleamar.
Un futuro a estudio
As Illas Lobeira reciben unha gran cantidade de visitantes fundamentalmente en verán. A ausencia doutro medio de transporte obriga a concertar as viaxes de xeito privado con algunha das embarcacións que opera na zona en verán ofrecendo tours turísticos. O acceso ao lugar require dun coñecemento previo do lugar pola gran cantidade de rochas que rodean o pequeno peirao que se atopa na illa principal.
Nos últimos anos, algunhas iniciativas empresariais interesáronse pola rehabilitación do edificio do faro. A que máis avanzou no proxecto pretendía crear un espazo gastronómico onde fosen protagonistas os pratos elaborados coas algas do entorno, sempre coa premisa do respecto ao entorno e sen que iso provocase unha afluencia masiva ao lugar. Pero a día de hoxe, non houbo máis avances para volver a dar vida a unha edificación que permanece pechada para eviotar o vandalismo que xa fixo mella nas súas paredes.