Denuncian actos vandálicos contra sinais dos Penedos de Pasarela e Traba
Os concellos de Laxe e Vimianzo tratarán de repoñer os sinais antes da Semana Santa


Varios das sinais do entorno da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba foron vandalizados esta fin de semana segundo denuncian dende os gobernos de Laxe e Vimianzo.
Os sinais, que foron arrancados, rotos e tirados, serven para orientar aos visitantes nos sendeiros e indican as singulares formas dos penedos dun epazo de alto interese xeolóxico e paisaxístico.
Ambos concellos cualifican estas accións como “premeditadas”. a alcaldesa de Vimianzo Mónica Rodríguez asegurou que “é algo profundamente triste para o noso territorio” e resaltou a importancia de “coidar do noso para que os servizos públicos poidan ser de calidade” e engadiu que “este tipo de comportamentos danan o ben común e aféctannos a todos. Trátase de actos que atentan directamente contra o esforzo colectivo por preservar o noso patrimonio natural”.
Os Penedos de Pasarela e Traba constitúen un enclave único que “todos e todas debemos coidar”, manifestou a rexedora vimiancesa, que indicou que “por suposto, a nosa intención é seguir potenciando e coidando este espazo, por iso este tipo de actos doen profundamente”.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, manifestou que se trata “de algo moi grave, que prexudica tanto aos nosos veciños e veciñas como a todos os visitantes que se achegan a descubrir este espazo”.