Dende as xoias de loito ata os pendentifs: así eran os complementos galegos do século XIX
A directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, repasa a súa ampla colección de ourivería civil tradicional

Dende as xoias de loito ata os pendentifs: así eran os complementos galegos do século XIX
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
A colección de ourivería do Museo Provincial de Lugo abarca dende pezas protohistóricas ata outras xoias de fabricación artesanal e tradicional, tanto relixiosa como civil, que nos falan de cómo era a sociedade galega do século XIX. En total, a suma son máis de catrocentas pezas e boa parte dela pódese clasificar nunha categoría que, dende a mirada actual, resulta, canto menos, chamativa: as xoias de loito.
No Museo Provincial de Lugo, segundo dá conta a súa directora, Aurelia Balseiro, atesouranse 117 destas pezas. Proceden de lugares de toda Galicia, e tamén das rexións limítrofes, Portugal e Castela e León.
"Na actualidade non facemos esa clasificación tan dogmática", explica a historiadora. "O loito asociado á cor negra é un invento do século XIX, que vén de Inglaterra", continúa, "tras as mortes da raíña Victoria e o Príncipe Alberte". Esta idea rematou por estenderse ao resto do continente, e chegou tamén a Galicia.
Para mediados do século XX, "o loito era unha cuestión case obrigatoria". Non só se refería á vestimenta, senón á indumentaria completa: "O negro debía ser tamén para os complementos, dende sombreiros a abanos e, por suposto, ás xoias".
En Galicia a pedra negra por excelencia, empregada nestas xoias de loito, foi o acibeche, que "procede dunha longa tradición de orfebres composteláns vinculados á peregrinación a Santiago". Mais co tempo, remataron por xurdir outros materiais que o imitan, e popularizouse empregar a ebonita. Era moi similar e máis asequible, pero cun condicionante: "Co tempo é moi sinxela de distinguir, porque se torna de cor marrón".
De acibeche no Museo de Lugo consérvanse colares, rosarios, pendentes, broches ou pulseiras, algunhas delas datadas dos séculos XVII e XVIII, pero tamén "as famosas figas da man esquerda ou as de San Antón", por suposto, todas elas enteiramente negras.
Pententifs e sapos para adornar
Na colección do Museo tamén se atopan varios exemplares do complemento máis característico e recoñecible da ourivería galega. Os habitualmente coñecidos como sapos, reciben tamén o nome de pendentifs ou galápagos.
"Poden estar formados por dous ou tres corpos, pero o que sempre se repite que é unha estrutura laminar de filigrana, cunha orla de perliñas e rosetas no primeiro corpo e unha disposición case seminicruclar", explica. "No segundo e terceiro corpo, no caso de telos, que non os hai sempre, o intermedio tería forma trapezoidal e o terceiro triangular", continúa.
É unha peza, di Aurelia Balseiro, que pode resultar "engañosa". "É moi rica, e vistosa dende logo, pero realmente ten moi pouca materia prima, é dicir, non ten tanto ouro como parece", matiza.
Máis alá do valor material
Ao falar da ourivería tradicional galega, a directora do Museo apunta que non debemos quedar só no seu "valor estético". "Estamos a falar de xoias feitas con materiais moi valiosos e dunha técnica estupenda que nos fala duns obradoiros e duns artesáns marabillosas", sinala, pero que ademais gardan moita información.
"As xoias antigas son unha fonte moi interesante, porque nos falan de clases sociais, da sociedade, da indumentaria... En definitiva, da cultura", apunta. "Todo ten significado e simbolisto, e así teñen que ser considerados estes elementos, non podemos quedar só no culto do obxecto, senón tamen ir detrás da información que proporciona", engade.
Ademais, hai outra cuestión á que quere referirse ao respecto da xoiería tradicional galega: "Estase a volver a reutilizar na actualidade". "Na vida actual podemos ver de novo eses aros da Fonsagrada, os sapos, empregados como colgantes, tamén pendentes, que veñen concretamente da primera metade do século XX, cando se empregaban dunha determinada maneira e tiñan a súa propia simboloxía", manifesta Balseiro.
Hoxe en día, "modificamos ese simbolismo e estámolos empregando coma unha chiscadela á nosa cultura e á nosa idiosincrasia, e de aí que sexa tan interesante".