Premio á “solución máis disruptiva”para o alumnado do IES Fin do Camiño na Liga Maker Drone
A proba, na que participaron 18 centros educativos, está organizada pola Fundación Barrié e o Centro Tecnolóxico ITG
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Entrevista ao alumnado do IES Fin do Camiño (27/05/2025)
O IES Fin do Camiño, de Fisterra, foi recoñecido co premio á “solución máis disruptiva” na IV edición da Liga Maker Drone. O certame, impulsado pola Fundación Barrié e o Centro Tecnolóxico ITG, no que participaron máis de 180 estudantes de 2º da ESO de 18 centros escolares galegos, tiña como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas (STEM) entre a mocidade a través dun reto real: deseñar, programar e pilotar un dron capaz de entregar medicamentos en zonas de difícil acceso.
O equipo do IES Fin do Camiño destacou pola súa aposta “innovadora e creativa”, desenvolvendo unha solución tecnolóxica que sorprendeu ao xurado pola súa orixinalidade e enfoque técnico. A proposta, pensada para optimizar a loxística sanitaria con drons, foi especialmente valorada pola súa capacidade de afrontar con imaxinación os desafíos expostos nesta edición.
A final celebrouse na Coruña ante máis de 1.000 estudantes como público, nun ambiente de entusiasmo e innovación.
Durante a competición, o alumnado tivo que enfrontarse a un escenario complexo, que incluía un plano inclinado e a necesidade de realizar entregas específicas de distintos tipos de medicamentos, simulando un hospital e varios centros médicos. O uso axeitado da programación, a precisión no voo e a capacidade de adaptar o dron a diferentes situacións foron claves no desenvolvemento das solucións.
Esta mañá de martes, os membros do equipo do IES Fin do Camiño pasaron polos estudos de Radio Nordés Cadena SER para contarnos como foi todo o proceso de elaboración do dron e a participación no concurso celebrado no Coliseum da Coruña.