O Gran Fondo Ézaro lucirá novidades neste 2025
Terá lugar o 6 de xullo con Purito Rodríguez como principal convidado. Haberá un tramo de terra de 2,5 quilómetros e dous altos cronometrados
O Gran Fondo Ézaro é un esforzo compartido entre patrocinadores privados e organismos públicos
Santiago de Compostela
Esta mañán presentouse a edición de 2025 do Gran Fondo Ézaro, unha proba cicloturista que por décimo ano consecutivo está organizada por Emesports. A competición percorrerá a Costa da Morte o vindeiro 6 de xullo, completando un camiño de101 km polos concellos de Dumbía, Cee. Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muxía. Este ano estará como convidado na proba Purito Rodríguez, vencedor da primeira etapa de La Vuelta Ciclista a España rematada no Miradoiro do Ézaro. Colle así o relevo de Alejandro Valverde, Tony Rominger, Miguel Indurain, Alex Zulle ou Samuel Sánchez, figuras que xa teñen participado no Gran Fondo Ézaro.
O 6 de xullo o pelotón partirá da Fervenza do Ézaro para enfilar o camiño de Cee, Muxía, saltar cara Berdeogas e Baíñas, tocar o Encoro da Fervenza e posteriormente dirixiráse cara A Picota (Mazaricos), alto da Ruña, Carnota e meta no Miradoiro.
Ezequiel Mosquera, director da proba e CEO de Emesports, destacou a presenza da terra no percorrido de 2025. “É unha subida moi bonita neses 2,5 km de caminos de terra” afirmou antes de destacar as aportacións realizadas por patrocinadores, concellos e Garda Civil, todos eles necesarios para que cada ano a carreira poida ser unha realidade. “O trazado ten que ser atractivo pero sempre en condición de seguridade e íso é prioritario” manifestou Ezequiel Mosquera. “Pasaremos polo Encoro da Ferveza, un lugar de gran impacto na Costa da Morte e subimos a Ruña, que ten unha auténtica autoestrada de terra para chegar ao cumio”. Para o exciclista, será posible que o trazado sexa asequible “para todos os públicos”.
O Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete puxo en valor a bicicleta para “aumentar a presenza de peregrinos en Galicia, unha dinámica sostida dende 2022 e na que o 5% fixeron o seu Camiño sobre dúas rodas”. Lete Lasa lembrou o fito que supuxo a chegada de La Vuelta ao Ézaro, marcando un antes e un despois na evolución do turismo na bisbarra. “O GFE é turismo e deporte” destacou.
A capacidade do ciclismo para fomentar o promoción do territorio foi destacada por Carmen Pita (Turismo de Galicia) . “O Gran Fondo Ézaro ocupa un lugar de honra nas probas ciclistas non só en Galicia, senón en España e Portugal. Provoca unha mestura do cicloturista coas grandes lendas do deporte. A Xunta aposta por organizar grandes eventos deportivos porque son un reclamo para o Turismo. O GFE é un reclamo turístico e un fío condutor que pon en valor as paisaxes da Costa da Morte. Un escaparate para promocionar Galicia e a nosa calidade turística” destacou Pita.
Para Antonio Leira, deputado de deportes da Deputación da Coruña calificou de soño a súa colaboración co GFE. “Parecía imposible poder facer unha proba así antes da primeira edición, ao igual que o feito de albergar unha chegada de La Vuelta Ciclista a España. Estamos moi agradecidos de formar parte desta familia e é un privilexio estar ao voso carón”.
Raúl González, alcalde de Dumbría pechou o acto felicitándose por acoller unha proba que recibe a cicloturistas con diverso nivel de preparación. “É unha proba top e cunha organización perfecta e na parte económica hai que destacar que os establecementos hoteleiros da bisbarra están a tope e iso non só deixa cartos en Dumbría”.
O GFE conta cola colaboración de Red Bull, BYD, Nutrition Sport, Gadis, Red Eléctrica, Deporte Galego, Turismo de Galicia e Deputación da Coruña.