"Non nos conformamos, resistimos e medramos": a Plataforma Feminista de Lugo reivindica este 8M "avances reais" fronte a "políticas baleiras"
Convocan unha manifestación o domingo que sairá ás doce do mediodía do edificio multiusos da Xunta e percorrerá as rúas da cidade

"Non nos conformamos, resistimos e medramos": a Plataforma Feminista de Lugo sairá á rúa polo 8M para reivindicar avances reais fronte a mensaxes baleiras
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
A Plataforma Feminista de Lugo convoca, como cada 8M, unha manifestación que percorrerá as rúas da cidade para reivindicar os dereitos das mulleres. O lema escóllese en cada ocasión para recoller os puntos nos que consideran importante incidir especialmente: "Non nos conformamos, resistimos e medramos", é o deste ano.
Anuska Díaz desenvolve as ideas que encerra:"Non nos conformamos porque se quere facer ver que se están a facer moitas cousas e en realidade non é suficiente, disfrazanse de avances cousas que non son tal", comeza. "Resistimos porque é algo innato nas mulleres, sempre estamos en modo resistencia, e recortados en cantas cousas o facemos aínda", contunúa, e remata cunha mensaxe positiva: "Medramos porque cada vez estamos máis convencidas, máis organizadas e á vez sentimos que medramos nós mesmas, de forma persoal".
A programación
A voceira da Plataforma, Ana Torrón, repasa as actividades que programan para o Día da Muller. "Principalmente temos planeada una manifestación, faremos unha pequena concentración diante do edificio da Xunta", explica. Este ano, ao coincidir en domingo, decidiron cambiar o horario e será ás doce do mediodía. A esa hora a manifestación iniciará un percorrido polas rúas da cidade para rematar na praza de Santa María.
Ao remate da marcha lerase un manifesto. Este ano as encargadas de facelo son "tres mulleres senlleiras de Lugo", apunta Torrón. Trátase de Carmen Granxeiro, artista multidisciplinar; Laura Lamontagne, cantante, e Cristal Ramírez, muller racializada e trans activista polos dereitos LGTBQ+. "Ela ten todo o dereito de estar alí como o que é, unha muller", apunta a voceira feminista.
As reivindicacións
Entre as reivindcaciones deste ano, que son "coma sempre, moitas", apuntan, unha das principais pasan por pedir máis ás administracións e aos gobernos. "Queremos deixar claro que non nos conformamos coas mal chamadas políticas de igualdade, que quedan moi ben nos carteis e nos programas electorais, pero que non nos representan nin fan que o noso día a día sexa mejor", reflexiona Anuska Díaz.
Además, piden "blindar os dereitos que alcanzamos ata o de agora", porque "non pode ser que dependan do partido de turno que está no goberno". "Os ataques das dereitas e das ultradereitas que estamos a ver ultimamente, por desgraza, tócanlle coma sempre ás mulleres", apunta Torrón, referíndos aos discursos de odio que "atopan o terreo aboado nas redes sociais".
No que respecta ao desenvolvemento persoal das mulleres, continúan existindo imposicións que supoñen un lastre. Explícao Ana Torrón: "Os traballos precarizados, mal pagados e tempo parcial continúan recaendo nas mulleres, o que implica que teñamos despois unha pensión ridícula". Isto ten que ver con que "á vez continúan recaendo sobre nós o peso dos coidados e da conciliación".
"Calquera muller ten motivos para saír á rúa", conclúe. "porque é fácil darse conta de que estamos en déficit de dereitos". A pesar de todo, Anuska Díaz cre que é importante deixar un pouso de esperanza: "Cremos no movemento colectivo e na forza de mulleres cando o feminismo é valente para reivindicar o que é noso".
O caso Tomé
Coincide que na semana do 8M se deu a coñecer a querella que a Fiscalía de Lugo interpón contra José Tomé, ex presidente da Deputación de Lugo, por un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública. A este respecto, Anuska Díaz ve positivo, por unha banda, que "estas cousas saian á luz, porque antes sucedían, pero non se sabían", mais tamén lamenta que aínda traten de encubrirse.
"Non se entende que nas administracións siga habendo ese silencio cómplice cos acosadores, e aínda menos que pese a estar sendo investigados permanezan ocupando cargos públicos", opina. Cre que é urxente que as institucións "comexen a depurar este tipo de cuestións", porque "non podemos estar seguras nos lugares dende os que nos teñen que axudar suceden estas cousas".




