Orzamento record para 2026 na Laracha, case 12 millóns con máis investimentos e reforzo de servizos públicos
As contas municipais, que irán a pleno o 11 de marzxo, teñen un incremento de case un 10% respecto a 2025, consolidando un crecemento sostido nos últimos anos
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, Manuel García Montes, presentaron o proxecto de Orzamentos Xerais do Concello para 2026, que se elevará ao Pleno nunha sesión extraordinaria o mércores 11 de marzo. As contas ascenden a 11.910.000 euros, o que supón un incremento de 1.030.000 euros respecto ao exercicio anterior, consolidando o orzamento máis alto da historia municipal. O rexedor explicou que a presentación se retrasou pola falta de datos imprescindibles, como os Orzamentos Xerais do Estado e a participación municipal en programas doutras administracións.
O incremento dos ingresos, indicou o alcalde, débese principalmente ás previsións derivadas de proxectos industriais pendentes de liquidar o ICIO, á participación en programas financiados por outras administracións e ao aumento da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos imposto polo Goberno Central. O resto de tributos e taxas municipais permanecerán conxelados, mantendo a moderación fiscal do Goberno local. No capítulo de gastos, o Capítulo 1 de Persoal suma 2.790.050 euros (23,43 %), incluíndo a suba do 1,5 % nas retribucións e a consignación da carreira profesional. O Capítulo 2 de Bens correntes e servizos, con 7.233.655,23 euros (60,74 %), concentra o gasto corrente para garantir o funcionamento ordinario dos servizos municipais.
O Capítulo 4, de transferencias correntes, elévase a 727.810 euros (6,11 %), reforzando axudas de emerxencia social, subvencións a entidades culturais, educativas e deportivas, achegas ás Comisións de Festas e bolsas de estudo, que alcanzan os 80.000 euros. O Concello continuará apostando pola promoción económica a través de programas formativos como o obradoiro de emprego e o programa integrado de emprego, claves para a inserción laboral e dinamización do tecido produtivo local.
O Capítulo 6, Investimentos reais, supera o millón de euros (1.006.848,77 euros, 8,45 %), e inclúe actuacións como o novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray, a expropiación de terreos do Plan Especial do Igrexario de Lestón, a posta en valor das Torres de Cillobre e do menhir de Erboedo, a renovación da cuberta da piscina municipal, parques infantís, rehabilitación da Casa do Concello e adquisición de equipamento e vehículo para a Policía Local. Completa o estado de gastos o Capítulo 9 de pasivos financeiros, destinado á amortización da débeda, con 127.000 euros. Segundo o alcalde, trátase dun orzamento prudente e adaptado á realidade, que reforza servizos, aumenta investimentos e permite incorporar remanentes de tesouraría ao longo do exercicio.




