Viqueira quere 3 ou 4 incorporacións máis para apuntalar o CD Lugo

A prioridade máis inmediata do cadro albivermello é a dun futbolista de banda esquerda e dun central diestro

Presentación de Dongou, Varo e Calderón co CD Lugo / CD Lugo

O director deportivo do CD Lugo, Emilio Viqueira, recoñeceu durante a presentación de Dongou, Varo e Calderón, que está moi satisfeito coa predisposición e as prestacións de todos os xogadores nestes primeiros dous días de traballo de cara á tempada 2018/2019 na Liga 1,2,3. O santiagués quixo salientar tamén o nivel dos futbolistas que chegan dende o Cerceda, Kike, Keko Vilariño e Hugo Rama.

Con todo, o director deportivo albivermello apuntou que queren facer 3 ou 4 incorporacións máis ao plantel que dirixe Javi López. Entre elas estarían a dun central diestro e a dun interior esquerdo. Polo momento no central diestro o Lugo conta con Bernardo Cruz e Pedro López. Na banda esquerda a nivel ofensivo o cadro albivermello aínda non ten un xogador específico, se ben poderían actuar nesa posición Carlos Calderón, Campillo ou incluso Cristian Herrera.

Ademais, preguntado polas ausencias de Ramón Azeez e Luís Ruíz, Emilio Viqueira apuntou que se deben a permisos concecidos polo club por cuestións persoais fai un tempo e que estaban totalmente contemplados. Segundo o propio Viqueira, agárdase que os dous futbolistas se poñan entre luns ou martes da semana que vén a disposición do corpo técnico.

Emilio Viqueira apuntou tamén que hai a intención por parte da dirección deportiva de non cambiar demasiadas cousas no filial, xa que o traballo de Jose Durán e dos rapaces do Polvorín foi moi positivo a pasada tempada e o club quere apostar pola maioría de futbolistas. Con todo, Viqueira é consciente da competitividade da Terceira División e así explica a incorporación de Gustavo Quezada e Rayco Rodríguez, que traballarán habitualmente co 1º equipo, e xogarán co filial.

Ademais, segundo puido saber Radio Lugo SER, confírmanse os cambios na estrutura do fútbol base. Javi López, o ex adestrador do CD Castro coordinará as categorías inferiores substituíndo a Adrián Laureda, que pasa a ser analista do primeiro equipo.

Presentación de Varo, Dongou e Calderón

O Lugo presentou este xoves a tres das catro incorporacións para a tempada 2018/2019. Reforza a portería o gardameta Alberto Varo, que chega dende o Barcelona B, co que descendeu a pasada campaña a Segunda B. Esa situación difícil, segundo apuntou, serviulle para medrar como persoa e xogador.

O porteiro marcou, ao igual que Juan Carlos, un gol de cabeza cando militaba en Segunda B co Pobla de Mafumet, e dixo que os primeiros adestramentos con Roberto e os outros guardametas foron moi positivos. Varo destaca polo seu bo xogo aéreo e de pés, e entre as súas cualidades tamén salientou a competitividade.

Varo chega a custo 0 ao Lugo e asina por dous anos, con un máis opcional no caso de xogar un determinado número de partidos co cadro albivermello. No caso dunha hipotética venta, o Nàstic levaríase unha porcentaxe dese traspaso.

Pola súa banda, Carlos Calderón chega do Getafe B coa ilusión e fame por seguir medrando e demostrar que pode ter un sitio no fútbol profesional. Pode actuar polos dous costados do ataque, aínda que a súa perna natural é a dereita. Dixo estar preparado para axudar ao equipo en Segunda despois de debutar en Primeira e adestrar case toda a pasada campaña co equipo de Bordalás. 

Carlos Calderón definiuse como un futbolista con fame e desborde, que pode aportar tamén goles ao equipo. Chega a custo 0 e asina por 3 campañas. O Getafe resérvase unha porcentaxe que non desvelou Viqueira dun hipotético traspaso.

Para apuntalar o xogo ofensivo chega o camerunés Jean Maríe Dongou, no que ten total confianza Emilio Viqueira pese a non lle sair as cousas a pasada tempada no Nàstic e estar lastrado polas lesións. Dongou recoñeceu que pediu referencias e que todo o mundo llas deu boas do CD Lugo. Cando chegou e viu o vestiario recoñeceu que incluso superaba esas boas expectativas que traía.

Lembrou tamén o camerunés que a Liga 1,2,3 é dura e hai moitos equipos históricos. O seu obxecitvo é traballar ao máximo polo ben do equipo e para deixar atrás o ano pasado, lastrado polas lesións. Dongou tamén chega a custo 0 e con dous anos de contrato prorrogables a un terceiro no caso de cumplir unha serie de partidos coa camisola albivermella.

Cargando
Cadena SER

¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?