A Comisión pola Memoria: “Poucas cidades teñen un relatorio de simboloxía franquista tan amplo coma ten A Coruña”
Esta tarde, ás sete, no Ágora, a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica organiza unha charla sobre a simboloxía franquista na Coruña.

Entrevista a Manuel Monge, Comisión pola Recuperación da Memoria (31/01/2022)
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Aurora Marco, catedrática en Didáctica da lingua e a Literatura Galega e doutora en filosofía e letras, traballou nos últimos 30 anos na recuperación da traxectoria de mulleres galegas e falará sobre o alcalde Peñamaría de Llano e a represión nas Terras de Valdeorras; á sua ponencia súmase a de Uxío Breogán, Presidente da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, que propón unha reivindicación do exilio a través do rueiro.
Manuel Monge, membro histórico da Comisión e moderador da charla, alerta de que A Coruña está á cabeza das cidades de todo o estado en simboloxía franquista: “ten 108 restos do franquismo: 30 rúas, 20 retratos, 28 distinción honoríficas, etc … pensamos que podemos converternos nun lugar de peregrinación da ultradereita e de todo tipo de fascismo porque hai poucas cidades que teñan un relatorio tan amplo”.
Sobre qué facer cos restos unha vez retirados, Monge plantexa alternativas: “Unha posibilidade podería ser destruílos, pero habería que ir pensando xa en que na Coruña haxa un museo da memoria, poderíanse empregar as dependencias do antigo cárcere”.
Pon como exemplo Bilbao: “Alí hai moitísimos anos que aprobaron que non houbera ningunha rúa con alcaldes da ditadura, e os retratos están agrupados en salas, por un lado os da ditadura e por outro os da democracia, explicados. Na Coruña están mesturados e sen explicar”.
Informe publicado por Radio Coruña
A finais do 2021 Radio Coruña Cadena SER facía público que o Concello encargou ó grupo de traballo da Memoria Democrática un informe que aconsella retirar entre outros os nomes das rúas e outros honores a Alfonso Molina e Pedro Barrié de la Maza. Para Manuel o feito de que se encargara o informe é moi positivo, pero “en vez de facelo público estivo un ano nun caixón, non hai moita vontade política”, sentenza.
Roteiros da vergoña
A Comisión ven organizando roteiros para denunciar a simboloxía nas rúas dende hai tempo, e continuará facéndoo este ano: “O día 12 de marzo temos o seguinte que comezaremos na casa natal de Barrié en María Pita, tamén estamos preparando un por Montealto, porque alí a primeira medida que tomaron os golpistas foi retirar dúas rúas por estar os seus nomes ‘absolutamente en contra do movemento nacional’ a rúa progreso e a rúa liberdade”.




