Os socialistas lamentan "o alarmismo" en torno ao fenómeno da okupación "que xera o PP" de Lugo
O voceiro local, Miguel Fernández, insiste en que “o feito de que exista unha soa ocupación xa nos preocupa e estamos traballando dentro das nosas capacidades"

Casa abandonada / Pexels

O tenente de alcaldesa e voceiro do Executivo local, Miguel Fernández, denuncia a “baixeza política e moral” dos concelleiros dos populares locales por instrumentalizar a preocupación social en torno ao fenómeno da okupación “única e exclusivamente para acadar réditos partidistas”.
Fernández lamenta que “o Partido Popular viva ancorado permanentemente na estratexia de infundir temor, xerar alarmismo e tratar de exacerbar calquera sentimento de inquietude cidadá sempre culpabilizando de xeito directo e sistemático á Administración local, incluso - como fai nesta ocasión - sobre dous aspectos que non son competencia municipal como é a vivenda, materia que xestiona a Xunta de Galicia, e a seguridade cidadá, tutelada polo Goberno Central”.
Miguel Fernández insiste en que “o feito de que exista unha soa ocupación en Lugo xa nos preocupa" e asegura que se atopan a traballar, "dentro das nosas capacidades", para evitar que se reproduza. Engade que é moi importante non perder o foco que orixinan as okupacións como é a falta de vivenda pública e de protección oficial. Fernández di que esta é unha demanda do executivo local que xa ven de atrás e que "dende o Concello contribuímos a paliar coa posta a disposición das e dos lucenses de tres pisos para familias vulnerables en situación de Emerxencia Social, outros tres para mulleres vítimas de violencia de xénero, así como 5 vivendas domóticas para favorecer a autonomía de persoas con diversidade funcional".
Non quixo o voceiro socialista deixar pasar a oportunidad de recalcar o seu compromiso coa cooperación policial "para disuadir e impedir as okupacións, neste caso, a lexislación actual – non o Concello de Lugo – obriga a que sexan os propietarios das vivendas afectadas os que denuncien e poñan en coñecemento da xustiza aqueles casos que se produzan para poder actuar contra eles”.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




