Sociedad

María Ángeles Durán: Preguntas sobre a cidade invisible

Unha completa viaxe polos aspectos invisibles da cidade e as súas repercusións sociais, especialmente as que teñen relación co xénero, foi a liña argumental da deliciosa e erudita participación da socióloga María Ángeles Durán na Facultade Ágora, dentro do seminario número 11, dedicado ao hábitat sociable. A investigadora do CSIC propúxose tocar na súa intervención “os aspectos non materiais do deseño urbano”.

Abriu fogo cunha formulación existencial e profunda: “Quen somos, que somos, que é o que quere ser a cidade e o que non quere ser”, preguntas retóricas que materializou en respostas tanxibles como “habemos de saber se a cidade perde poboación ou non; se perde, por que o fai, e se gana, por que gana, porque nacen máis persoas das que morren, ou porque chega xente nova. E se iso ocorre, cales son os motivos polos que a xente vén aquí…”.

Expuxo que a cidade ten nas súas mans certos instrumentos para gañar ou perder poboación, entre eles se os espazos para os nenos son os adecuados, se existen realmente espazos óptimos para os que están ou para os que van nacer. “Sexa explícito ou non sexa explícito, as cidades adoitan saber que público queren e cal non queren, por exemplo: queremos que veñan persoas enfermas ou sas, persoas produtivas ou persoas que consomen máis servizos sociais…”

En definitiva —resumiu— “que aire queremos respirar na cidade, o aire da liberdade?”, pregunta sobre a que destacou que algunhas persoas poden chegar á cidade para molestar, a perturbar a convivencia, ante os que algunhas cidades poñen fronteiras, aínda que non se noten. Puxo como exemplo os barcos que chegan: “É o mesmo un cruceiro cheo de turistas que unha patera?”, para lembrar a continuación que vivimos nunha época na que o 16% da poboación mundial quere irse do seu país.

Tras ese marco referencial sobre a relación das cidades coas persoas, continuóu facéndose preguntas, pero neste caso centrándose no asunto de xénero: “A cidade quere que veñan máis homes ou máis mulleres?… normalmente quere atraer a homes, porque o seu papel está relacionado maiormente coa economía e a produtividade, mentres que as mulleres adoitan ser máis consumidoras de servizos públicos relacionados co benestar”. Ademais adoitan vir acompañadas das persoas ás que coidan, sexan maiores, dependentes ou nenos.

Durán puxo sobre a mesa o primeiro dos seus eloxios á madurez: “Como se relaciona a cidade coas súas persoas maiores? Aínda que as canas son síntomas de éxito vital, xa que se trata dunha conquista da nosa batalla contra o tempo e sinal de que aínda estamos vivos, prantexou que as cidades deben coidar do seu equilibrio entre as persoas maiores e as que non o son, e expuxo se realmente as cidades están preparadas para acoller un terzo da súa poboación maior de 65 anos.

“Hai que ver que porcentaxe desta poboación é muller, que adoitan vivir máis e ter pensións menores, e a súa relación coa posibilidade de acceder a servizos vitais privados, cousa que lles resultará difícil á maioría, polo que cobra especial relevancia o servizo público, e en particular o espazo público. Este pode ter un papel fundamental no benestar das persoas con menos recursos”.

A relación entre a calidade do espazo público e as políticas con enfoque feminista han de fixarse  sobre todo na importancia da iluminación pública, a mobilidade das embarazadas, o medo á violencia de xénero, todo o que ten que ver coa loxística doméstica, a “distribución formiga” ou as “mulleres acio”, as que van acompañadas da súa prole, en comparación cos homes que normalmente van sós.

Repasou tamén outros aspectos do feminismo urbano, máis simbólicos, como os nomes das rúas. Nun estudo que realizaran en Madrid obtívose o dato de que tan só un 5% do seu nomenclátor era feminino. A profesora madrileña quixo acabar a súa participación en Ágora cunha mensaxe optimista en relación á cidade e as persoas que a habitan: “O máis importante é a capacidade de soñar, de imaxinar o que non existe e axudar a cambiar as cousas para lograr cidades marcadas polos conceptos de xustiza, libertade, progreso, creatividade e compromiso”.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00