María Neira chama a repensar o noso modo de vida
A responsable de saúde pública e medio ambiente da OMS refírese ás autoridades locais como “ministros de saúde, aínda que non o saiban”
:quality(70)/cloudfront-eu-central-1.images.arcpublishing.com/prisaradio/PSK73CMBQRD75PA3LRM7NHNJGE.jpg)
Rafa Estevez
“Os alcaldes son ministros de saúde pública, aínda que algúns non o saiban, debido á súa enorme importancia na saúde das persoas”. Así revelou María Neira, doutora española responsable de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde.
Neira chamou á reflexión sobre o noso modo de vida: “Realmente estamos a atravesar un momento crítico e deberiamos repensar a nosa sociedade, o noso modo de vida”. Considera que os municipios son precisamente grandes motores deste cambio necesario, porque son laboratorios de saúde pública con carácter multidisciplinar. “Neste sentido, as políticas locais sobre mobilidade e espazo público son importantísimas”, dixo referíndose ao papel de alcaldes e concelleiros.
“É un erro pensar na saúde como ausencia de enfermidade. A saúde é ter as mellores condicións para o desenvolvemento físico, social e mental”. Sobre esa base, Neira considerou que a saúde humana comeza na maneira en que nos situamos sobre o ecosistema, do que “somos absolutamente depredadores, contaminando a auga o aire e os recursos”.
“Estreméceme pensar nos 7 millóns de persoas que mata prematuramente a contaminación do aire, un dato que banalizamos, pero que se traduce en problemas como cancro, infartos, ictus ou asma”, ante os que todas e todos temos que comprometernos cun cambio real das nosas actitudes, sexamos arquitectos, urbanistas, alcaldes, concelleiros, médicos ou persoal sanitario, políticos, emprendedores ou persoas do sector privado.
A responsable sanitaria internacional recomendou a lectura do Manifesto para unha recuperación Verde e Saudable, no que a OMS ofrece media ducia de prescricións, unha delas referida ás condicións de vida nos núcleos urbanos. “Necesitamos recuperar as cidades, a mobilidade sostible, os espazos verdes, transporte público, disuadir o uso do automóbil privado, ampliar o espazo destinado á cidadanía, cidades nas que sexa fácil realizar os famosos 10.000 pasos diarios que se recomendan desde a OMS.
Outra campaña que recomendou foi a que realizaron coa organización ambiental da ONU baixo o epígrafe de “respirar a vida”, unha iniciativa para mellorar a calidade do aire á que se xuntaron numerosas cidades ao redor do mundo.
Sobre o momento post-covid mostrouse optimista, “porque é toda unha obriga se te dedicas á saúde pública”, e confiou en que algo se aprendeu. “Deberiamos evitar erros estruturais en temas tan importantes como a produción, o consumo, a mobilidade ou a xeración de enerxía e reenfocalos cunha visión de conxunto sobre como organizar a recuperación tras a pandemia”.
Confía en que a COOP de Glasgow tome medidas adecuadas ante os últimos datos da crise climática, “que non deixan de ser medidas de sentido común”, e aínda que só sexa por satisfacer aos manifestantes adolescentes “que nos piden que fagamos algo”. A receitas son todas medidas de saúde pública, solucións baseadas na natureza.
Chamou a utilizar a creatividade e a imaxinación para chegar aos 10.000 pasos na loita contra o sedentarismo, especialmente nos hábitats pequenos, onde a tendencia para moverse en coche é máis sólida. “É unha auténtica necesidade promover hábitos de vida activa en todas partes, pero especialmente en lugares máis pequenos.
Insistiu, sobre a recuperación tras a pandemia, en que a correlación entre o coñecemento científico adquirido durante o confinamento e a resposta que as sociedades están a ofrecer “resulta moi desproporcionada”, e fixo unha referencia ao tabaco: “pasaron 50 anos desde que existiu a evidencia científica do dano causado polo tabaco ata que empezaron a prohibilo”.