Hora 14 OurenseHora 14 Ourense
Historia

O despoboamento do rural complica a supervivencia dalgúns entroidos

Asociacións como O Sobradelo do Tangaraño traballan na recuperación da tradición

Exposición de figuras no Museo Galego do Entroido en Xinzo, onde se celebra un dos entroidos máis populares da provincia / Concello de Xinzo de Limia

Exposición de figuras no Museo Galego do Entroido en Xinzo, onde se celebra un dos entroidos máis populares da provincia

Xunqueira de Ambía

A provincia de Ourense destaca, entre outras cousas, polo seu entroido ou, para sermos máis exactos, polos entroidos en plural. Son moitas as figuras que caracterizan estas datas. As máis populares sitúanse no Triángulo Máxico. En Verín os Cigarróns, en Laza os Peliqueiros e as Pantallas en Xinzo de Limia. Porén hai moitas máis: os Boteiros de Viana do Bolo, os Felos de Maceda, o Vergalleiro de Sarreaus, entre outras. Non obstante, o despoboamento do rural xoga en contra do patrimonio cultural e moitos entroidos foron perdendo forza no tempo. Un exemplo o da parroquia de Sobradelo, en Xunqueira de Ambía, e os seus Mecos e Farrumecos, que estiveron aproximadamente trinta anos desparecidos.

Perante estas situacións, persoas como Rochi Nóvoa, da Asociación O Sobradelo do Tangaraño, traballan para recuperar a tradición. Fai cinco anos que nesta asociación decidiron recuperar os traxes dos Mecos e os Farrumecos, caracterizados "con roupas de muller e coa cara tapada cun trapo". Agora ben, a apariencia das figuras do entroido non só vén dada pola roupa, tamén polo seu carácter. Neste caso falamos de figuras “que danzaban, facían bromas, os famosos oficios...facían representacións”.

A tradición pasa porque estas figuras pidan produtos á veciñanza: chourizo, cachucha, roscas ou mesmo un licor. Iso si, tamén admiten cartos. Se algún veciño ou veciña non amosa xenerosidade, os Mecos e Farrumecos fan das súas. Falcatruadas que Rochi Nóvoa describe cun sorriso na boca “podían soltar as vacas ou roubarche as pitas, por exemplo”.

Da tradición tamén forman parte os reinados, momento no que a xente, de todas as idades, vestía os mellores traxes para ir ás aldeas próximas. Porén, as aldeas estaban pechadas e só se abrían se botaban unha boa regueifa. Este ano, e despois da pandemia, Xunqueira de Ambía volverá a presenciar as representacións de Mecos e Farrumecos o día 27 de febreiro. Unha tradición que volve despois dun proceso de recuperación, no que as persoas maiores achegaron os seus coñecementos e emocións.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00