Trinta empresas interesadas en instalarse en Lugo mediante o Lugo Transforma
O Concello de Lugo inviste no fondo municipal emprendedor da Estratexia Lugo Transforma 12 millóns de euros

A rexedora acompañada do interventor do Concello de Lugo

Lugo
O fondo municipal emprendedor da Estratexia Lugo Transforma capta a atención de preto dunha trintena de empresas de dentro e fóra da Comunidade Autónoma. A rexedora, Lara Méndez, especificou que os interesados son “proxectos que están vinculados cos sectores da alimentación, saúde, dixitalización, mobilidade sostible, enerxía, xestión de residuos, aeronáutico e forestal, todos con interese por crecer en Lugo e crear empregos na cidade".
O Concello de Lugo é pioneiro en Galicia na posta en marcha do proxecto, ao que se destinan 12 millóns de euros, co obxectivo "de captar novos investimentos para a cidade e atraer empresas que contribúan a crear postos de traballo de calidade" adecuándose, sempre, ao modelo de "sostenibilidade" da cidade.
A socialista cree que o alto interese empresarial amosa "a alta expectación creada por Lugo", motivo polo que se amosa "optimista" de cara aos vindeiros 5 anos, cando os recursos económicos deberán desenvolverse.
O patrimonio inicial do Fondo será de 12.130.000 euros, dos que 12 millóns proceden do Concello, como promotor do fondo, e 130.000 euros serán subscritos pola sociedade xestora, Torsa Capital. "A empresa comprométese a pechar antes do 5 de maio deste ano compromisos de inversión de partícipes privados que permitan ao fondo acadar o 100% do seu tamaño obxectivo, 13 millóns de euros".
A duración do fondo será ata o día 30 de xuño de 2031, aínda que poderá prorrogarse por seis meses máis dende esta data límite.
Asesoramento estratéxico e financeiro
O Fondo establecerá unha relación de asesoramento coas súas entidades participadas, realizando esta actividade a través da Sociedade Xestora. En particular, "Torsa Capital deberá realizar servizos de asesoramento ou de apoio necesario para contribuír ao desenvolvemento das entidades participadas, principalmente, nas áreas estratéxica e financeira" en temas como a formación e contratación de cadros directivos, análises de mercados, captación de recursos ou a introdución de contactos a nivel nacional e internacional.
“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo nesta etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, concluíu a rexedora.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




